Cultura Vigo al minuto

@depo_es xa está en ‘ruta’

O programa da Deputación de Pontevedra En ruta coa Depo” comeza unha nova andaina esta fin de semana coa participación de preto de 600 persoas de seis concellos da provincia nos itinerarios preparados pola institución provincial. Máis polo miúdo, este sábado preto de 300 persoas percorreron Cambados e O Grove, mañá preto de 200 visitarán O Grove, Soutomaior e Redondela e o luns máis de 100 persoas se desprazarán ata as Illas Cíes.

Un grupo de 60 persoas procedentes de Redondela, da Asociación Cidadelle, realizaron hoxe unha ruta por Cambados, visitando o Museo etnográfico do viño de Cambados, as Ruínas de Santa Mariña, o Casco histórico de Cambados, o Pazo de Fefiñáns e o Muíño das Mareas. Pola súa banda, un grupo de 110 persoas do Centro recreativo de Torroso en Mos realizaron tamén durante esta xornada unha ruta pola Ría de Arousa, visitando a Illa da Toxa, O Grove, o museo da Salazón, o xacemento da Lanzada e percorrendo en catamarán a Ría de Arousa. Esta mesma ruta foi a elixida por un grupo de tamén 110 persoas do Club de Xubilados e Pensionistas Nosa Señora do Carme de Moaña.

Máis de 108 persoas da Asociación Beade de Vigo realizarán este domingo unha ruta pola Ría de Arousa, visitando a Illa da Toxa, percorrendo a ría en catamarán, coñecendo os atractivos turísticos do Grove, o museo da Salazón e o xacemento da Lanzada.  Pola súa banda, un grupo de 90 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Eira de Vigo terán a oportunidade de visitar tamén mañá os concellos de Redondela e Soutomaior, con visita á Illa de San Simón e ao Museo Meirande , percorrendo Ponte Sampaio e o  Castelo de Soutomaior.

Xa para a xornada do luns, un grupo de 55 persoas do Club de Pensionistas de Sanxenxo e outro de 53 da Asociación Ardefur de Cuntis partirán cara as Illas Cíes

“En ruta coa Depo” pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Amais, o programa ten por obxectivos impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.

A Deputación achega a este programa 260.000 €, 21.500 máis que o ano pasado, e oferta por vez primeira 400 prazas gratuítas para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social. En total, “En ruta coa Depo” consta de 32 alternativas divididas en rutas temáticas, culturais, marítimas, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais.

As rutas temáticas do programa “En Ruta coa Depo” ofertan seis alternativas para as entidades.  A primeira delas, denominada camelias do Sur, percorre o Parque Quiñones de León e do Castro en Vigo e o Castelo de Soutomaior. A segunda alternativa, camelias señoriais, descorre polos Pazo de Lourizán, Gandarón e Oca na Estrada. A terceira ruta, denominada camelias do mar, achega ás persoas participantes ós Pazos de Rubiáns, A Saleta e Quinteiro da Cruz. A cuarta alternativa, denominada prehistoria, percorre os concellos de Vilaboa, Moaña e Redondela. A quinta alternativa temática, tamén denominada prehistoria, traslada ás entidades ata Poio e Marín. A última ruta temática permite ás persoas participantes no programa descubrir algúns dos edificios da Deputación de Pontevedra.

En canto ás rutas culturais trátanse de 13 alternativas que permiten coñecer os principais atractivos turísticos de concellos como Cambados; Salvaterra de Miño e Arbo; Cuntis e Caldas de Reis; Cangas e Bueu; Silleda; Agolada e Vila de Cruces; Lalín; Meis; A Guarda, Tomiño e Tui; Barro, Portas, Valga e Catoira; Ponteareas, Mondariz Balneario e Mondariz; Moaña e Vilaboa e A Cañiza e Covelo.

Pola súa banda a Deputación oferta catro alternativas marítimas. A primeira delas por Arousa, a segunda alternativa consiste na visita á  Illa de San Simón, ó Museo Meirande e ao Castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio. A terceira ruta marítima levará ás entidades ata as Illas Cíes así como ata o conxunto histórico de Vigo e o barrio mariñeiro do Berbés e a última alternativa achegará ás persoas participantes ata a Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.

As rutas adaptadas ofertan tres alternativas para persoas con mobilidade reducida. A primeira delas por Vigo, a segunda alternativa, por Baiona e o seu conxunto histórico e a última por Pontevedra.

En canto ás rutas dinámicas a Deputación de Pontevedra propón tres ofertas. A primeira delas en Nigrán, realizando surf ou kaiak nas praias de Patos e A Madorra e incluíndo visita ó templo votivo e o arco de Panxón, ó faro de Punta Lameda e ó miradoiro de Monteferro. A segunda ruta, polo Morrazo, levará ás persoas participantes ata a praia de Liméns para montar en kaiak e percorrerá a costa da Vela, Cabo Home, as praia de Melide e Barra e O Facho. A última das alternativas dinámicas é pola Illa de Arousa, facendo surf e remo, así como percorrendo a ruta dos Cons, o miradoiro de Con do Forno e o espazo natural do Carreirón.

Pola súa parte, entre as rutas interxeracionais a Deputación de Pontevedra oferta tres modalidades do programa “En ruta coa Depo”. A primeira delas discorre por Pontevedra e Marín, visitando a senda do río Lérez, Apípolis, a Granxa de Briz, o lago de Castiñeiras e o Ecoparque. A segunda alternativa leva ás entidades ata Barro, Campo Lameiro e Valga, visitando o Parque da Natureza do Río Barosa, o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre así como as fervenzas de Raxoi e Pedrafita e a praia fluvial de Ponte Valga. A última das rutas, por Vigo, transcorre polo parque do Castro, Vigozoo e a ruta etnográfica de Zamáns.

En total, está previsto que a través deste programa promovido por Cohesión Social e Xuventude, participen preto de 20.000 persoas, 1.000 máis que o ano pasado, pertencentes a 300 entidades da provincia de Pontevedra.

También te puede interesar