Cultura Vigo al minuto

@En_Marea pide no Congreso dos Deputados que se anule o Consello de Guerra que condenou a morte a Alexandre Bóveda

O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou no Congreso senllas proposicións non de lei, para Comisión e para Pleno, e unha pregunta por escrito, para demandarlle ao Goberno que anule o Consello de Guerra sumarísimo e a condena a morte ao histórico político nacionalista, Alexandre Bóveda, un dos impulsores do Estatuto de Autonomía de Galicia e executado polas forzas golpistas de Franco o 17 de agosto de 1936.

Ademais, Fernán Vello pide que se declare a ilexitimidade das condenas e das sancións ditadas por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza na ditadura franquista, anulando todos os Consellos de Guerra e sentenzas condenatorias.

Nun terceiro punto da súa proposición non de lei, insta ao Goberno a realizar actos e recoñecementos públicos para conmemorar, homenaxear e rehabilitar a memoria de todas as vítimas da Ditadura franquista, e en colaboración coas comunidades autónomas, levar a cabo actos que lembren a alcaldes, representantes públicos, figuras políticas, cargos institucionais e outras persoas que foron executradas ilexitimamente polas forzas golpistas debido ás súas ideas.

81 anos após aínda non se anulou a sentenza a morte ilexítima ditada por tribunais de golpistas

O deputado de En Marea reprocha ao Goberno do Estado que 81 anos após do asesinato de Bóveda, así como outros moitos, aínda non se reparou a súa memoria nin se anulou o Consello de Guerra sumarísimo ao que foi sometido. Neste sentido, pon de manifesto o traballo feito pola Fundación Alexandre Bóveda que leva anos facendo esta petición.

Tamén fai valer o Informe do alto comisionado da ONU de 2014, que emprazaba ao  Goberno español a rehabilitar de forma pública e política a políticos históricos como Bóveda, Lluis Companys, Manuel Carrasco i Formiguera e a que “se beneficien todas as vítimas sen excepción”.

También te puede interesar