Comarcas

@depo_es subvencionará con 18 millóns de euros proxectos “singulares” de concellos de menos de 20.000 veciños

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o seu vicepresidente, César Mosquera, presentaron esta mañá as novas bases de subvención, por valor de 18 millóns de euros, para investimentos en equipamentos e dotacións singulares na mellora do equilibrio territorial dos servizos nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

A nova convocatoria de subvencións, con bases obxectivas, equitativas, transparentes, claras e en concorrencia competitiva, financiará un proxecto por cada concello e podería achegar ata 80% do orzamento, cun máximo de 1,5 millóns de euros.

Silva subliñou que estas bases están centradas nos concellos de menos de 20.000 habitantes por un criterio de xustiza. Ao respecto, a presidenta provincial recordou que son as Deputacións provinciais, tal e como recolle a Constitución Española e as leis, as institucións que “deben prestar servizos e garantir dereitos aos concellos de menos de 20.000 habitantes pero, amais, estas subvencións son necesarias porque os novos fondos da Unión Europea, como o EDUSI, exclúen a estes concellos o que ocasiona que non poidan facer fronte a grandes proxectos e investimentos”.

Así, tal e como destacou a presidenta, a través das subvencións para investimentos en equipamentos e dotacións singulares na mellora do equilibrio territorial dos concellos de menos de 20.000 habitantes, “se pretenden financiar proxectos que permitan a ocupación do espazo público pola cidadanía, cambiando o modelo de trama urbana, impulsando as humanizacións así como equipamentos e dotacións deportivas, culturais, sociais ou de lecer e ocio que teñen un enorme custo que os concellos de menos de 20.000 habitantes non poderían afrontar sen o apoio desta administración”.

O proxecto que cada concello presente a estas bases de subvencións ten que ser, tal e como destacou a presidenta provincial, “maduro e avanzado, con todos os informes en regra e un prazo de execución claro, para evitar o que acontecía ata o de agora, que aínda a estas alturas estamos en procesos de licitación e obras de proxectos cuxos convenios se asinaron no 2013 e 2014 e que nin tiñan os permisos outorgados ”. De feito, as bases das subvencións pautan que todos os proxectos estean en fase de licitación antes do 30 de xuño do 2018 e executados antes do 30 de xuño de 2019.

Este novo plan da Deputación, en palabras do vicepresidente César Mosquera, “ambicioso e transcendente, cambiará a vida e as condicións dos municipios de boa parte da provincia” xa que se pretende dar un pulo “a proxectos relevantes xa maduros e necesidades moi sentidas”, que os gobernos locais non poden afrontar en solitario porque comprometerían todo o seu orzamento.

Segundo subliñou o nacionalista, o anterior goberno provincial resolvía as achegas para actuacións deste tipo  “segundo o magnífico dedo da Presidencia”, fronte ao que ocorrerá a partir de agora, cando por primeira vez hai unhas bases con criterios claros e unha comisión seleccionadora formada por funcionarios, co que “máis obxectividade e equidade imposible”. Insistiu en que este “novo camiño” para conceder as axudas “cambia radicalmente” a maneira de facer as cousas: “cada concello ten a oportunidade de solicitar a subvención e que se lle conceda por méritos”.

Os concellos interesados en presentar o seu proxecto a esta convocatoria de subvencións terán de prazo un mes a partir do día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO).

También te puede interesar