Cultura Vigo al minuto

Roger Hodson, a voz dos lexendarios ‘Supertramp’, despide este luns, día 14, a súa xira europea no Mar de Vigo

Roger Hodgson, a lexendaria voz dos históricos ‘Supertramp’, chega ó Mar de Vigo este luns día 14 de agosto para pechar unha nova edición do Festival Illas Cíes e despedir a súa xira europea.

Vigo é unha das catro únicas citas que este prestixioso cantante e compositor ten marcadas en España, e nestes momentos máis do 80% do aforo do Mar de Vigo está xa vendido para esta agardada cita.

As previsións son que nas vindeiras horas se agoten xa todas as entradas, á venda en www.ataquilla.com, dado o bo ritmo de reservas que leva o concerto, e o gran tirón que ten este artista. Nas principais zonas dianteiras xa hai días que non queda ningunha butaca disponible.

Fundador da lexendaria banda ‘Supertramp’, da que estivo ó fronte ata o ano 1983, Hodgson foi o seu principal compositor e singular voz dunha época dourada na que venderon máis de sesenta millóns de discos en todo o mundo.  Moitos dos seus temas convertíronse en recoñecidos hits que o artista recupera en todos os seus concertos, para ledicia dos seus fans. “Give a Little bit”, “Breakfast in America”, “The logical song”, “It´s raining again” ou “Dreamer” son cancións que forman parte da banda sonora emocional de millóns de persoas en todo o mundo, interpretadas pola inconfundible voz aguda de Hodgson.

A partir de 1984, Roger Hodgson comezou unha carreira en solitario coa publicación do traballo “In the eye of the storm”, co que chegou a vender dous millóns de discos. Algúns dos temas da súa carreira en solitario tamén os interpreta nos seus concertos, nos que está acompañado dunha banda cun espectacular directo.

A carreira de Hodgson estivo a piques de rematar en 1987, cando rompeu as dúas monecas nun accidente caseiro e os médicos lle dixeron que non podería volver a tocar nunca máis.  Despois dunha gran loita e dun longo período de recuperación o artista puido voltar ós escenarios e, desde aquela, non deixa de xirar con enorme éxito por todo o mundo. As súas cancións cheas de optimismo conquistan auditorios multitudinarios.

Para o concerto do vindeiro luns en Vigo, Roger Hodgson xa avanzou que podería haber sorpresas e que é moi posible que ata cante en público algún novo tema que non tiña cantado anteriormente.

También te puede interesar