Comarcas

@depo_es aproba a concesión de 119 subvencións a entidades sen fins de lucro da provincia

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de 119 subvencións, por un total de 490.887,03€, dirixidas a entidades sen fins de lucro da provincia para realización de actuacións enmarcadas no ámbito dos servizos sociais, sociosanitarios e da xuventude durante este ano 2017.

Estas entidades teñen como obxectivo a realización de proxectos ou actividades dentro da provincia orientadas á intervención, asistencia, integración social e laboral, prevención e promoción do benestar daqueles colectivos que, atendendo ás súas especiais circunstancias, precisan dunha maior especificación técnica e interdisciplinar na súa intervención.

Entre os proxectos subvencionados atópanse iniciativas dirixidas ao fomento da inclusión social de persoas con enfermidade mental crónica, unidades de apoio para a inserción laboral de persoas con diversidade funcional, centros de día no medio rural, axudas para o pago de alugueres, hipotecas e alimentación a familias con baixos recursos, reparto de alimentos, terapias con animais para persoas con necesidades especiais, intervencións asistidas con cans para persoas maiores, explotación de hortas ecolóxicas como terapia para persoas con trastorno do espectro autista, obradoiros de musicoterapia, rehabilitación cognitiva con novas tecnoloxías en saúde mental ou servizos de fisioterapia para persoas con diversidade funcional.

Por concellos, o número de entidades beneficiadas por estas axudas son de 1 en Bueu, 5 en Cangas, 1 en Crecente, 1 na Estrada, 1 no Grove, 2 na Guarda, 4 en Lalín, 2 en Marín, 1 en Meis, 1 en Moaña, 1 en Moraña, 2 en Mos, 2 en Nigrán, 1 en Pazos de Borbén, 2 en Ponterareas, 12 en Pontevedra, 1 en Porriño, 3 en Redondela, 1 en Sanxenxo, 1 Silleda, 2 en Tomiño, 2 en Tui, 1 en Valga, 58 en Vigo, 9 en Vilagarcía de Arousa e 2 en Vilanova de Arousa.

También te puede interesar