Vigo al minuto

O Cunqueiro estrea unha nova área infantil de xogos para os cativos hospitalizados

Os nenos e nenas hospitalizados no Hospital Álvaro Cunqueiro amaneceron este luns cunha sorpresa, e descubriron un parque infantil na súa planta. Unha nova área lúdica, dotada con mobiliario e xogos típicos dunha zoa de recreo para nenos.

Trátase da I Fase do  proxecto “O Patio de Recreo” no que participan a Facultade de Belas Artes, o IES Montecelo de Pontevedra e o CIP Manuel Antonio de Vigo. Nesta primeira fase contouse co patrocinio da empresa IMEISON, que colocou un pavimento especial que delimita á area, así como coa colaboración de Eurekakids.

O xerente da Área Sanitaria de Vigo agradeceu  a implicación destes centros educativos e   dos patrocinadores, “nun dos proxectos de humanización máis satisfactorios que poden realizarse nun hospital, nunha  área de especial sensibilidade como é a pediatría. Ofrecerlles aos pequenos pacientes un espazo de ocio e esparcemento, nun entorno de xogos, alegre, con colores e motivos infantís, diminúe o estrés e favorece emocións positivas nos nenos cando están ingresados no Hospital”-.

O coordinador desta iniciativa, José Ángel Cruces, do departamento de Artes Gráficas do IES Montecelo explicou que “a mellor metodoloxía de aprendizaxe da formación profesional é “aprender traballando”, polo que esta actuación é un proxecto de aprendizaxe e servizo no que o noso alumnado pon en valor o traballo da aula cooperando a súa vez en actividades sociais que impacten socialmente na contorna. Neste senso, non hai mellor impacto que mellorar a calidade do tempo dos nenos hospitalizados”-.

O obxecto foi achegar o traballo destes centros de formación, modificando visual e esteticamente  un corredor de 64 metros cadrados na  Planta de Pediatría, para reconvertelo nun patio de recreo, un lugar no que os nenos poidan xogar e divertirse.

Nesta colaboración intercentros, o departamento de Téxtil confección e pel do CIP Manuel Antonio de Vigo realizou unha serie de figuras en polipel recheas de material flexible que permite aos nenos xogar con estas pezas e desenvolver disintas habilidades e destrezas motoras, coordinación psicomotriz, equilibrio,e  forza muscular.

Nunha segunda fase, colocaranse ilustracións nas paredes, deseñadas e impresas polos alumnos de Belas Artes e o IES Montecelo. Ademais, este centro tamén colocará no chan  algúns xogos activos como a Rayuela, o parchís, ou o tres en raia. 

También te puede interesar