Vigo al minuto

@MareaVigo presenta unha moción para a retirada da simboloxía franquista de todo Vigo

Franco y su aliado, el genocida Adolf Hitler

Este 18 de xullo cúmprense 81 anos do Golpe de Estado sobre a República que precedeu á Guerra Civil e aos 40 anos de posterior ditadura fascista onde milleiros de persoas foron represaliadas e asasinadas a mans do réxime franquista.

40 anos de exilio, morte, tortura, falta de liberdade e medo, co sufrimento que, tanto para as propias persoas represaliadas como as súas familias segue vivo a día de hoxe cada vez que “desde as institucións aparece unha forte resistencia a asumir a realidade sobre o acontecido, en forma de negativa ao lexítimo dereito dunha familia a enterrar aos seus mortos e mortas ou mesmo cada vez que algunha institución négase á eliminación dun símbolo dos torturadores e asasinos”.

“A día de hoxe, mesmo na nosa cidade seguimos atopándonos con este tipo de simboloxía, como é o caso do escudo que encabeza a fachada do Instituto Público de Educación Secundaria Santa Irene”, explica Xosé Lois Jácome, concelleiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, “sobre o que pedimos explicitamente a súa eliminación, así como o estudo de toda a simboloxía franquista existente na nosa cidade, cara a súa futura supresión” remata Jácome.

Marea de Vigo subliña que “hai escasos 3 anos, esta cidade viviu unha situación esperpéntica cando Abel Caballero, un alcalde que se di socialista, negábase, a base de recursos xudiciais e grotescas declaracións en canles de TV a nivel do Estado a derrubar un destes símbolos, como o que é a Cruz do Castro, feita para a banagloria do réxime”.

Derrubar esta cruz, sinala o concelleiro,”estaba á marxe de todo concepto relixioso da mesma, aínda que foi levantada froito da retorcida conivencia do franquismo e a Igrexa Católica. Este feito e a súa utilización por parte do alcalde incrementa o nivel do insulto cara ás familias das persoas represaliadas, onde tamén había persoas católicas que non se senten representadas por esa cruz”.

Esta situación, para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, non se pode volver a dar, por unha cuestión de hixiene democrática, situación ademais a todas luces motivada no seu día polas ansias de “repañar un puñado de votos da dereita por parte de Abel Caballero, nomeado socialista”.

Alén disto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo anuncia que tamén preparará unha moción na que pedirá a retirada das Medallas de Platino que, sendo entregadas no ano 1945, a día de hoxe seguen ostentando o ditador Francisco Franco, así como “un dos máis sanguinarios militares que encabezaron a sublevación militar en Vigo, Felipe Sánchez, sublevación militar na que moitas viguesas e vigueses lembran mañá a través da memoria dos seus familiares”.

También te puede interesar