Cultura Vigo al minuto

@odscoia denuncia que @Xunta quita RISGAs para impoñer precariedade

A Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS) segue a recibir peticións de información e consultas, de diferentes persoas de Galicia, sobre a Renda de Inserción Social (RISGA), pericións que, sinalan dende a Oficina, “amosan que esta faragulla, lonxe de garantir unha vida digna, o único que ofrece a aquelas que a solicitan/perciben é incerteza, control, demoras, miseria”.

A asociación denuncia o caso dunha mullera á que a Xunta deixa sen RISGA-399€- argumentando que  “non amosa interese en acadar un emprego como peón forestal” e por “cambiar de coche”.

A OSD subliña que resolucións como estas expresan dous aspectos centrais na concepción destas rendas sociais: a “submisión ao emprego sempre precario, temporal, mal pagado, que debemos aceptar as empobrecidas”, e o control e “criminalización das empobrecidas: o discurso de que somos pobres polas nosas malas decisións ou polas nosas condutas desviadas provoca que os achegamentos profesionais pasen por nos infantilizar e por pautarnos a nosa vida cotiá: que temos que comer, que curso debemos facer”.

A Oficina de Dereitos Sociais de Coia sinala que este caso é outro exemplo máis da crueza e arbitrariedade coa que a Xunta xestiona a RISGA. “Casos como este, lonxe de seren unha excepción son a norma”, indican, e engaden que  consellería que dirixe José Manuel Rey Varela desoe a súa legalidade e continúa sen publicar o decreto -por máis de 3 anos de atraso- que ten que desenvolver a  Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

“Mentres as instrucións opacas que chegan dende a consellería endurecen, aínda máis, unha lei entende o emprego como a mellor política social. Xa sabemos que eles non probaron o desemprego, a precariedade, as xornadas interminábeis por salarios de merda… como único xeito para malvivir”.

Por iso, conclúe, fronte a súa teima por afondar neste modelo de xestión da miseria, “nós defendemos uns dereitos sociais fortes. Defendemos a proposta da Renda Básica das iguais fronte ao carrusel de medidas que eles artellan para tratar de nada cambie ou que se o fai sexa sempre para pillar máis anaco de pastel”.

También te puede interesar