Comarcas

Vía libre para a mellora da seguranza viaria na EP-2503, entre Cerquido e Borraliño, no concello de Salceda

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou este mércores que a Deputación provincial resolverá este venres no Pleno ordinario as alegacións presentadas ás expropiacións do proxecto de mellora da seguranza viaria na EP-2503 entre Cerquido e Borraliño no concello de Salceda de Caselas. 

A Corporación aprobará definitivamente o proxecto, que ten un orzamento de 115.745€, e pasará o expediente ao departamento de contratación, polo que o inicio das obras poderán ser unha realidade nas vindeiras semanas.

Segundo manifestou Benítez, a Deputación está a priorizar as actuacións relativas á seguranza viaria, dándolle “prioridade absoluta” á mellora e reforma de zonas de alta sinistralidade. “Temos identificados puntos perigosos en toda a provincia aos que estamos dando solución. No caso de Salceda de Caselas a demanda de acondicionamento deste cruce é histórica, polo que atendemos a solicitude do alcalde”, sinalou.

Para resolver a intersección dos camiños municipais, segundo explicou o deputado, prevese a ocupación de nove parcelas privadas que permitirán crear unha nova área pavimentada para delimitar novos carrís de incorporación e agarda. Para isto foi preciso iniciar un expediente de expropiación forzosa, que sometido a información pública recibiu unha alegación por parte dunha das propietarias das parcelas afectadas.

Esta alegación estimouse en parte (valorando tamén na expropiación 15 piñeiros, 16 eucaliptos e 6 carballos), mais desestimouse a expropiación total da parcela, cunha superficie de 637 metros, xa que só son precisos 357,45 metros cadrados.

No proxecto, a maiores da ampliación da plataforma, corrixiranse os peraltes. Ademais, para a elección do novo firme tívose en conta a importante densidade de camións que pasa pola zona, cun tránsito estimado de entre 100 e 199 vehículos pesados por día por ser unha zona preto de áreas industriais como o polígono industrial de O Cerquido.

Así mesmo, implantaranse dous elementos redutores de velocidade en forma de pasos de peóns sobreelevados en ámbolos extremos de actuación, limitando a velocidade a 30 quilómetros hora.  Tamén se remodelará o alumeado, potenciándoo na zona de cruce con sete novas luminarias tipo led e retirando as catro actuais. Finalmente, será preciso recuar un poste de formigón de telefonía e instalarase nova sinalización vertical e horizontal adecuada á nova configuración prevista no proxecto.

También te puede interesar