Vigo al minuto

O Goberno de Galicia aproba un novo programa de emprego dirixido a empresas, autónomos e entidades sen ánimo de lucro

O presidente Feijóo, na rolda posterior ‘a reunión do Goberno. Foto: Xon Crespo

O presidente do Goberno de Galicia destacou hoxe a aprobación no Consello do executivo dun novo programa de 9 millóns de euros dirixido a autónomos, empresas e entidades sen ánimo de lucro para incentivar a contratación de menores de 30 anos.

A iniciativa, que forma parte do Sistema de Garantía Xuvenil, prevé beneficiar a 1.200 mozos, un 20% máis que na edición anterior, con axudas superiores ás do pasado ano, que poden chegar a superar os 17.000€.

O presidente Feijóo explicou que a intensidade das contías xerais aumentará nun 25% nos colectivos con máis dificultades para atopar un traballo neste segmento de idade: mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, familias con todos os seus membros en paro ou se o centro de traballo está emprazado no rural. E o programa incluirá tres tipos de actuacións diferentes.

Así, para apoiar o inicio de actividade dos autónomos destinarase un orzamento de 2,5 millóns, cunha axuda mínima de 4.000€- máis do triplo que en 2016-, que poderá chegar aos 8.000€ para os colectivos máis vulnerables. Este ano, tamén como novidade, elimínase o requisito de investimento mínimo para fomentar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

A segunda actuación que forma parte deste programa, cun orzamento de 3,4 millóns de euros, ten como obxectivo fomentar nas empresas a contratación por conta allea. Para elo, prevense 7.000€ de incentivos á contratación indefinida inicial para os dous primeiros anos (3.500€ ao ano) que poden chegar aos 14.000 euros; e 2.500€ por cada contrato temporal que se converta en indefinido, podendo alcanzar os 5.000€.

Os apoios para a contratación temporal, mínima por 6 meses, oscilará entre os 1.500 e 6.000€; os incentivos para contratos de formación e aprendizaxe, mínimo de 12 meses,  poderán chegar ata os 2.400€; e, por último, para a contratación en prácticas, mínimo de un ano, as axudas serán de ata 7.200€.

O terceiro dos apoios deste programa -cun total de 3 millóns de euros- estará destinado ás entidades sen ánimo de lucro, para incentivar a contratación dos mozos co obxectivo de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral. Con este obxectivo, as axudas oscilarán entre os 8.617 e os 17.234€.

O presidente do Goberno galego aseverou que con esta nova achega “dase continuidade á aposta por apoiar de forma máis intensa o emprego entre a mocidade”. Non en van, este ano o Goberno de Galicia investirá 40 millóns de euros co obxectivo de seguir reducindo o desemprego entre os menores de 30, un colectivo onde: baixou o paro no último ano nun 12,56%; e os contratos entre os mozos aumentou nun 16,28%, medrando os indefinidos nun 21,75%, cinco puntos máis que os temporais.

También te puede interesar