Vigo al minuto

@CIGVigo mobiliza a 200 persoas que ‘tomaron’ Rande para denunciar as condicións de ‘explotación’ nos traballos de ampliación

A CIG desenvolveu este martes unha “acción conxunta” para denunciar as “condicións laborais de explotación” que padecen os operarios que traballan na ampliación da ponte de Rande, obra pública que acomete a UTE Dragados-Puentes.

Coa ocupación dun dos carrís en construción, a central quere poñer de manifesto que “se están a facer xornadas de 10-12 horas a 60 metros de altura e a pleno sol por 7€ a hora, incluíndo todos os conceptos salariais, ademais da fraude á Seguridade Social e a Facenda que supón que non se computen todas as horas traballadas”.

Na acción, que se desenvolveu na banda de Moaña e durou pouco máis dunha hora, tamén tomaron parte traballadores e delegados sindicais de Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago, Ourense e Ferrol.

Ao pouco de acceder a un dos carrís en construción, representantes da UTE formada por Dragados e Grupo Puentes puxéronse en contacto con responsábeis da CIG para fixar unha xuntanza na que analizar a problemática laboral que se vive nos traballos de ampliación da ponte de Rande, obra que depende do Ministerio de Fomento.

Está previsto que a reunión teña lugar a vindeira semana, e aínda que non se fixou unha data concreta a central propuxo que teña lugar o vindeiro martes. Nesa xuntanza a CIG porá enriba da mesa as condicións laborais dos operarios que traballan na ponte. Ademais, advertirán sobre a importante fraude á Seguridade Social e a Facenda que se está a cometer. “Os soldos calcúlanse por horas a pesar de non estar permitido, e non se computan todas as horas que se fan”.

También te puede interesar