Vigo al minuto

@CIGVigo alerta sobre problemas de saúde laboral polas altas temperaturas na empresa

A sección sindical da CIG en GKN Driveline de Vigo (antiga Indugasa) vén de denunciar publicamente os problemas en seguridade e saúde laboral que se rexistran como consecuencia das altas temperaturas. Así, reclámanlle á empresa que aplique o protocolo de stress térmico e que instale un sistema de climatización en condicións para evitar os desvanecementos que se teñen producido entre o cadro de persoal.

A representación sindical da central na compañía do sector da automoción sostén que as condicións de saúde laboral non cumpren cos parámetros legalmente establecidos, en concreto o R.D. 486/97 de 14 de abril sobre disposicións mínimas de seguridade nos lugares de traballo, e lembran que levan dende o ano 2012 requiríndolle á dirección que “tome en serio o problema do stress térmico na fábrica de Vigo”.

Segundo indican, a empresa conta cun protocolo que prevé temperaturas de 45 graos dentro das instalacións, só facilitando auga e facendo paradas a partir dos 36. “Isto fai que os traballadores teñan que soportar xornadas a máis de 30 graos sen que a empresa faga nada para evitar esta terríbel situación que padece o persoal de taller”.

Neste senso, sinalan que o real decreto 486/97, que regula as condicións ambientais dos lugares de traballo, marca uns parámetros de entre 14 e 25 graos. “Mais nestes pasados días 23 e 24 de maio estivemos a máis de 40”.

Lembran que con anterioridade xa se rexistrou “algún desvanecemento dalgún compañeiro, mais sen consecuencias graves, polo que de momento non temos que lamentarnos de que sucedese unha desgraza fatal entre os empregados”.

Critican que co novo Plan Industrial a situación ambiental da fábrica non mellorou senón que empeorou. “Un caso especial é o do novo taller de árbore situado nunha zona sen ningunha ventilación e que mantén unhas temperaturas moi altas de forma constante tanto de noite como de día”.

También te puede interesar