Vigo al minuto

@ARueda68 adianta que o Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) se ampliará en 5000 metros cadrados

O presidente en función do Goberno de Galicia , Alfonso Rueda, avanzou que o Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) vai ser ampliado en 5.000 metros cadrados, o que “permitirá reforzar o potencial da cidade e de toda Galicia para organizar eventos e feiras de referencia internacional, como Ifevi e Conxemar”. Con esta ampliación, o recinto feiral impulsará a capacidade de Vigo para consolidarse como punto de encontro do sector naval e da transformación de produtos mariños.

Esta ampliación, que aprobou hoxe o Consello da Xunta, presidido por Alfonso Rueda-o presidente Feijóo está de viaxe a China- realízase ao abeiro da Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de especial interese, “aprobada para evitar que a anulación xudicial do PXOM de Vigo paralizase a cidade”.

Este texto legal xa permitiu impulsar o Plan de consolidación e modernización do Polígono de Balaídos, que preparará estas instalacións para a construción dos novos modelos K9 e V20, cun investimento de máis de 3000 millóns de euros na automoción galega.

O proxecto mantén a configuración actual do recinto e incorpora un pavillón anexo ao pavillón 2. Esta semana, tal e como explicou Rueda, foi aprobado na Comisión Superior de Urbanismo de Galicia con todos os informes favorables, polo que o único trámite que resta por facer para a licitación do proxecto é que o Concello de Vigo poña á disposición os terreos expropiados.

O investimento da Xunta na ampliación de Ifevi ascenderá a 4,1 millóns de euros, 900.000€ máis ca o previsto inicialmente. Este aumento no orzamento destinarase fundamentalmente a acondicionar a instalación.

También te puede interesar