Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Dúas unidades móbiles de diagnóstico e tratamento, do Servizo Galego de Saúde, están dende este xoves no Meixoeiro

Dúas unidades móbiles do Servizo Galego de Saúde (Sergas) están dende este xoves no exterior do Hospital do Meixoeiro. Trátase de dúas unidades de diagnóstico e tratamento que se empregan para impartir formación ao persoal sanitario. De feito, sinala o Sergas, a utilización que se lle vai dar na súa estancia en Vigo está orientada á formación facultativos e enfermaría de Atención primaria. Denomínanse “Punto de Atención Diagnóstico Terapéutico Móbil”.

Son dous espazos de 14 metros de lonxitude unidos por unha pasarela similar aos “fingers” dos aeroportos, alcanzando unha superficie duns cen metros cadrados útiles. O equipamento do que dispoñen os fai moi versátiles como áreas de traballo para á formación do persoal da Área Sanitaria de Vigo.

 “No Hospital do Meixoeiro destinarase precisamente a impartir os devanditos cursos para traballadores de Atención primaria durante os meses de xuño e de setembro. Unhas actividades formativas que non se poden programar deste xeito nas instalacións dos centros de sáude, xa que os equipamentos están ocupados coa actividade asistencial do día a día”, explicou o director de Procesos Asistenciais da Área Sanitaria, Julio García Comesaña.

En concreto, os cursos que comenzaron xa hoxe céntranse en espirometrías, retinografías en casos de diabetes, técnicas de cirurxía ambulatoria, ecografías ou dermatoscopia. Cada un dos cursos ten un tope máximo de doce persoas co obxectivo de que a ensinanza sexa o máis individualizada posible. Serán preto de 200 profesionais os que participarán nas sesións formativas.

Formación

Os cursos se encadran nun plan xenérico do Sergas que de se denomina “Programa Asistencial Práctico” (PAP) e que, de forma itinerante, percorre as diferentes áreas sanitarias de Galicia.

El programa consiste nun proceso formativo específico destinado principalmente para os profesionais que desenvolven a  súa actividade na Atención Primaria. Articúlase nunha serie de “itinerarios” con diferentes talleres ou “estacións” que pretenden transmitir ao profesional unhas habilidades técnicas que lle permitan mellorar o proceso asistencial ao paciente.

O programa está deseñado precisamente para ser impartido nos “Puntos de Atención Diagnóstico Terapéutico Móbil”, coa finalidade de que todos os profesionais que  das Areas Sanitarias que participen reciban unha formación homoxénea e co mesmo material.

Proxecto

A iniciativa das unidades móbiles do Sergas estase a levar a cabo no marco do convenio Innovasaúde, de colaboración co Ministerio de Economía, financiado con fondos Feder de Innovación, dentro do proxecto xenérico denominado Punto de Atención Diagnóstico Terapéutico Móbil.

“O seu obxectivo é atender as necesidades conxunturais polo incremento da actividade asistencial en zonas que ven aumentada substancialmente a súa poboación en determinados períodos -como a época estival- ou ante o caso de situacións concretas de emerxencia, continxencia ou estacionais”, sinalou Julio García Comesaña.

Ademais, posibilita resolver as circunstancias de asistencia xeradas por factores de tipo estrutural, como poderían ser unhas reformas nun centro de saúde, nun consultorio rural ou incluso nun quirófano. Doutra banda, poderán ser empregados para impartir formación a pacientes e coidadores en hábitos de vida saudables, actividades preventivas ou para formar a profesionais no manexo de diferentes técnicas diagnósticas e terapéuticas, que é o que se vai facer durante a súa estancia no Hospital do Meixoeiro.

No caso de que se utilicen como quirófano, este sitúase nunha das unidades mentres a outra se destina a sala de preoperatorio e postcirúrxico. Dispoñen da dotación necesaria para realizar intervencións ambulatorias. A instalación eléctrica é similar á dun quirófano dun centro hospitalario, así como a climatización  e as tomas dos gases medicinais.

También te puede interesar