Comarcas

Denuncian “acoso sen límite” por parte da dirección ás traballadoras da Residencia Xeriátrica de Salvaterra

Segundo ven de informar a Confederación Intersindical Galega (CIG), na Residencia da Terceira Idade de Salvaterra traballan na actualidade sete auxiliares na quenda de mañá, sete na de tarde e dous na de noite, que atenden a 106 residentes, moitos deles encamados, tendo cada auxiliar menos de 15 minutos para erguelos, asealos e vestilos.

Unha soa cociñeira fai menús, encárgase dos pedidos e cociña o xantar dos 106 residentes e dúas limpadoras tocan a 53 camas cada unha en so sete horas.

A CIG subliña que se trata de “profesionais con xornadas extenuantes atendendo a persoas dependentes que merecen máis do que elas lle poden dar”, traballos, indica a central, que “son pagados con menos de 1.000€ en nóminas mal calculadas,  polas que hai que esperar ata o día sete o oito do mes”.

Segundo a central sindical, “lonxe de agradecer e de coidar destas profesionais, a empresa da familia Ibáñez, sabedora do medo que o día de hoxe supón perder un posto de traballo exerce sobre o seu persoal un acoso que non ten limite: despide e acosa, leva persoas ata a baixa médica por depresión, simplemente porque manifestan ter dereitos”.

A CIG ten interpostas denuncias diante da autoridade laboral e no xulgado e “pelexará pola readmisión das despedidas, chegará ata onde sexa necesario e pedíralle á Consellería que revise a concesión e esixa unha boa xestión dos nosos recursos”.

Asi mesmo, os representantes dos traballadores solicitan das familias e dos residentes apoio ás mulleres que atenden aos seus, “e que xunto con nos  esixan  un bo trato ás traballadoras que con seguridade mellorará o benestar dos internos”.

También te puede interesar