Comarcas

@depo_es abre o prazo dun mes para que maiores de 50 anos de toda a provincia poidan participar en ‘DepoTermal’

A presidenta da Deputación de Pontevedra ven de informar da apertura do prazo dun mes para que todas as persoas maiores de 50 anos da provincia de Pontevedra soliciten participar en “DepoTermal”, o programa de termalismo e turismo de saúde da institución provincial que ten un total de 4.434 prazas, 434 delas gratuítas para persoas en situación ou en risco de exclusión social e sen recursos económicos.

Ademais, tamén “aprobouse a adxudicación mediante procedemento aberto da xestión, desenvolvemento e execución do programa, que se lle adxudicou á empresa Viajes El Corte Inglés, S.A.”, sinalou Carmela Silva, por un orzamento máximo de 102.000€.

Xa está publicada na páxina web da Deputación de Pontevedra a listaxe de concellos adheridos ao programa, “un total de 48 dos 61 concellos da provincia”, afirmou Silva, malia que en “DepoTermal” poden participar persoas de todos os municipios, as persoas dos concellos adheridos teñen como vantaxe, dende primeira vez este ano, que se poderán achegar ata as dependencias municipais para que o seu persoal técnico as axude a cubrir e presentar os formularios de pre-inscrición para solicitar participar en “DepoTermal”.

Para poder participar, sempre que estean empadroadas nalgún concello da provincia de Pontevedra, as persoas terán que ser maiores de 50 anos (ter nacido antes do 1 de xaneiro de 1967) e, no caso de ser menores de 50 anos, ter a condición de pensionista, un grao de diversidade funcional igual ou superior ao 65% ou, ademais, precisar dun respiro familiar (coa acreditación conveniente).

“DepoTermal” conta cun total de 4.434 prazas que pon á disposición das persoas maiores de 50 anos, menores de 50 con condición de pensionista ou cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65% e para persoas con necesidade de respiro familiar de todos os concellos da provincia de Pontevedra. Desas máis de 4.000 prazas, “434 son gratuítas”, unha novidade que se introduciu por primeira vez a pasada edición do programa porque, sinalou Carmela Silva, “as persoas sen recursos nunca antes se tiveran en conta nesta Deputación”.

O programa de asistencia diúrna (que abrangue a asistencia durante cinco días consecutivos, de luns a venres) conta con 1.248 prazas, 248 delas gratuítas e o resto subvencionadas. Pola outra banda, o programa de réxime completo inclúe un total de 3.186 prazas, 186 delas gratuítas. Esta disciplina, ademais da asistencia aos establecementos durante seis días e cinco noites, inclúe un programa de actividades de animación sociocultural. Ademais, as persoas en situación ou risco de exclusión social e que están a pasar dificultades económicas que optan ás 434 prazas gratuítas de “DepoTermal” terán preferencia sobre as demais á hora de establecer o reparto das prazas.

“DepoTermal” desenvolverase nun total de 12 establecementos: Hotel Spa Nuevo Astur, Vilalonga (Sanxenxo), Hotel Spa Via Argentum (Silleda), Hotel Spa Carlos I Silgar (Sanxenxo), Hotel Benestar Spa Moaña, Balneario de Mondariz, Talaso Hotel Oia Baiona, Balneario Hotel Eurostars Illa da Toxa, Balneario de Cuntis, Hotel Spa Norat (O Grove), Hotel Talaso Louxo A Toxa (O Grove) e Gran Talaso Sanxenxo.

También te puede interesar