Cultura Vigo al minuto

@catro_cafe xa ten gañadores do seu concurso de MicroCatrorelatos: Francisco Fernández e Julia Tomé

A quinta edición do concurso MicroCatrorelatos, cuxa final celebrouse este venres  no Café de Catro a Catro, xa ten gañadores: trátase de Francisco Fernández, autor do relato “As balas de Koch” -elixido finalista na primeira eliminatoria- e Julia Tomé, autora do texto “Desacougo azul“ –que resultou finalista na cuarta eliminatoria-.

Do mesmo xeito que nas semifinais, un orixinal foi escollido polo xurado-integrando nesta edición por Clara do Roxo, Amadeo Cobas, Mari Carmen Casal e Ángela Costas- e outro polo público. Así, o numeroso público asistente concedeu unha maioría dos seus votos ao texto “Desacougo azul”, lido pola propia autora Julia Tomé, polo que recibiu o premio de 200€.

O xurado, tras recoñecer a gran dificultade para elixir un texto gañador dada a calidade dos oito finalistas, escolleu “As balas de Koch”, -lido por Montse Fervenza debido á imposibilidade do autor Francisco Fernández para asistir-, para concederlle o seu premio de 300€

Ademais da lectura dos textos participantes na final, a convocatoria de onte tamén contou coa actuación do grupo Thevagar Septeto.

Foron un total de 67 os relatos presentados a esta quinta edición do concurso, organizado polo Café de Catro a Catro e a asociación cultural 4 Patacos e a colaboración das editoriais Galaxia, Xerais e Elvira.

También te puede interesar