Vigo al minuto

@abelcaballero adianta que Vigo seguirá adiante con ‘Cíes Patrimonio da Humanidade’ pese a que a Xunta trata de “rebentar” a candidatura

O alcalde criticou este martes que o goberno de Galicia tentase “rebentar” a candidatura de Cíes a patrimonio natural da Humanidade da UNESCO na que o Concello leva catro anos traballando con “ducias de accións”.

Caballero, que cualificou o proxecto coma “excepcional”, salientou que “seguiremos adiante porque está vivo e imos continualo”.

O rexedor relatou as accións desenvolvidas polo Concello ao longo dos últimos anos dende a presentación inicial da campaña na Feira Internacional de Turismo no ano 2015, repetindo en 2017 coa promoción da mesma nun acto no que estiveron presentes “altos cargos da Xunta de Galicia”.

Ademais, o Goberno local, indicou, asinou varios convenios de promoción das Illas Cíes dende o ano 2014, organizou o concerto “O Canto das Illas” no 2015 do que se publicou un disco, outro recital de apoio baixo a denominación “Actúa” e, ese mesmo ano, celebrou un partido de fútbol de apoio á campaña e promoveuna tamén en Portugal. Amais, ten realizado insercións publicitarias en distintos medios de comunicación, incluídas revistas especializadas “por ducias”, ten disposto materiais de merchandising e vídeos co lema “Illas Cíes, Patrimonio da Humanidade” e desenvolvido o Festival de Polifonía de Vigo “Ao son das Illas Cíes”, o Festival Illas Cíes con concertos en Castrelos, no Auditorio Mar de Vigo e no Berbés “con miles de persoas que os viron”.

Abel Caballero salientou así mesmo, outras acción, coma o vinilado de avións co lema da candidatura a través do contrato de promoción turística, material de a bordo de distintas compañías como repousacabezas e panos de mesa ou a imaxe e o logo das Cíes nun dos barcos da Volvo Ocean Race.

Outras accións realizadas son o concurso de fotografía Sinto Cíes, o concurso escolar “Cíes, o Paraíso de todos”, unha campaña de concienciación sobre a reciclaxe con ese lema e a presentación dun número especial da lotería, en colaboración coa ONCE e Lotería Nacional coa mensaxe “Cíes, Patrimonio da Humanidade” amais de movementos deportivos, a edición de libros de fotografías das Illas, accións de voluntariado medioambiental en Cíes ou a recuperación do seu cemiterio.

O alcalde afirmou que durante estes catro anos de traballo, a idea mobilizou a cidade e o territorio porque as Illas Cíes son “o corazón de Vigo e querémolas patrimonio da Humanidade”, rexeitando que a Xunta actuase de forma independente “sen contactar coa cidade, nin con ningún representante da cidade, para rebentar esta candidatura abocada ao éxito”.

También te puede interesar