Ciencia y Tecnología

A Unión Galega de Epilepsia ultima as actividades coas que celebrará o Día Mundial desta enfermidade

A Unión Galega de Epilepsia está a ultimar as diferentes actividades coas que celebrará esta semana o Día Mundial da enfermidade, co obxecto de achegar a doenza ao maior número de cidadáns e cidadás, mais desde unha perspectiva alonxada do estereotipo e o prexuízo.

A presidenta da asociación, Mar Caamaño, lamenta que a estas alturas, no ámbito da epilepsia, a nivel social aínda non se teña avanzado todo o que se debera, “déronse pasos importantes e imos paseniño cara un maior coñecemento e recoñecemento desta doenza, pero ainda queda moito por facer para integrar con normalidade na vida cotiá ás persas que a padecen”.

Caamaño recoñece que no imaxinario da xente hai unha única imaxe da epilepsia, que nada ten a ver coa súa realidade integral e complexa, cun amplo abano de casos e causalidades que a moitos sorprenderían pola súa cotidianeidade e/ou proximidade, malia non atribuilo á epilepsia por descoñecemento.

Ano tras ano, a Unión Galega concentra os seus esforzos na semana do 24 de maio, Día da enfermidade, precisamente para rachar con este descoñecemento e facer fronte aos moitos tabús que impiden aos epilépticos vivir nesa normalidade que merecen e á que teñen dereito nunha sociedade igualitaria e sen discriminacións.

As actividades, por tanto, comezarán o propio día 24, cunha serie de mesas informativas a cargo de diferentes neurólogos, a publicación dun manifesto e o alumeado dos concellos das principais cidades coa cor laranxa.

Mais para a asociación, especial relevancia ten a xornada do sábado, na que repetirán o modelo de charla-coloquio que xa realizaron noutras edicións e que sempre  funcionou mol ben porque dá claves a afectados e familiares da relación da epilepsia na vida, noemadamente cómo afrontar as dificultades que atopan estas persoas á hora de atopar emprego ou a aprendizaxe dos máis pequenos.

Nesta ocasión, a xornada completarse, por primeira vez, cun Xogo de Rúa, con pistas a través de diferentes rúas do casco histórico compostelán. Grazas a unha serie de voluntarios, no xogo poderán participar tanto os asistentes á xornada como todos os cidadáns que se atopen cos xogadores polo camino.

“Esta proposta parécenos un bo xeito de achegar o problema socializando e dándolle unha dimensión lúdica que serva tanto para despertar o interese dos curiosos como para despexar todas esas fantasmas que existen entorno á epilepsia”, afirma Mar Caamaño.

También te puede interesar