Deportes

Patinaxe modalidade ‘Show’ este sábado, día 20, no Pavillón Municipal de A Marisma, en Redondela

O Pavillón Municipal de Deportes de A Marisma en Redondela servirá de decorado este sábado, día 20-adestramentos ás 11:00 h. e competicións dende ás 17:00-, a unha  nova edición do Campionato  de Deporte Escolar Grupos Show de Patinaxe que foi presentado este xoves polo concelleiro de Deportes Julio Mougán.

O concelleiro, que estivo acompañado polo coordinador provincial de Deporte Escolar da Xunta de Galicia, Guillermo Reinaldo, e polo presidente do clube Bolboreta, organizador da proba, José Albán, salientou a importancia de que Redondela teña unha presenza cada día máis numerosa en todas as probas promovidas pola Xunta de Galicia e, neste caso, polas patinadoras e patinadores dun clube local que está a acadar resultados moi salientables, tanto polo aumento de licenzas federativas, os resultados e a capacidade para chegar a varios centros educativos redondeláns.

Pola súa banda o coordinador de Deporte Escolar da Xunta lembrou que era a segunda ocasión que esta proba se disputaba en Redondela, o cal, engadiu, está xustificado polo feito de que o ano pasado a organización foi excelente o mesmo que a resposta do público, o cal fai pensar que esta competición seguirá vindo aquí en moitas máis ocasións.

O presidente do Clube Bolboreta sinalou que serán os equipos de Club Patinaje Artístico Ribex, de Tui, Club Deportivo Ourela de Ourense, Escolas Balaídos, de Vigo e o propio Bolboreta os que competirán en Grupos Pequenos de Primaria, Grupos Pequenos de Secundaria, Grupos Cuartetos e Grupos Grandes de Secundaria que abranguen a un total de 90 patinadores e patinadoras de entre 6 e 16 anos.

Rematou o acto o concelleiro Julio Mougán quen invitou a todas e todos os veciños a achegarse o sábado ao Pavillón de A Marisma e a gozar dun deporte espectacular que require unha gran pericia e un importante sacrificio e que, asegurou, será unha inmellorable ocasión para coñecer esta modalidade deportiva.

También te puede interesar