Vigo al minuto

@depo_es acomete o asfaltado da estrada de acceso ao Cuvi

A Deputación de Pontevedra iniciará este xoves, dia 18, a mellora da capa de rodadura dun treito da estrada provincial EP-2005. Esta actuación de asfaltado, que ten un orzamento de preto de 60.000€, completará a renovación da sinalización horizontal e vertical na vía, que está nestes momentos en fase de instalación.

Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a rehabilitación do firme acometerase dende a glorieta de inicio da vía e ao longo dun treito de aproximadamente 500 metros, onde o firme está máis deteriorado. A decisión de realizar de xeito inminente as obras decidiuse logo da inspección por parte dos técnicos provinciais, que consideraron urxente a actuación atendendo ao volume de tráfico da vía, pola que transitan máis de 5.000 vehículos diarios de media e na que hai deficiencias de visibilidade que impiden unha correcta mobilidade para os peóns e os vehículos que van ao campus.

Está previsto que os traballos de asfaltado teñan unha duración máxima dun mes e medio. Unha vez fresado o actual firme e instalada a nova capa asfáltica completarase a mellora da vía coa correspondente sinalización horizontal e vertical que xa se está a acometer no resto da estrada provincial que da acceso ao campus universitario.

Os traballos de mellora de pintado e sinalización vertical que están a piques de rematar no resto da estrada consistían na substitución dos sinais verticais deteriorados, a instalación de outros novos de reforzo (tanto de seguranza viaria como de localización), e o pintado de bandas transversais continuas sonoras reflectantes nos laterais da estrada.

Estes elementos, xunto aos catafaros reflectantes pegados ao asfalto (coñecidos como ‘ollos de gato’), permitirán marcar correctamente o trazado da vía e evitar que os condutores se saian da calzada en días de néboa e chuvia intensa, bastante habituais na zona do CUVI. Os traballos de sinalización horizontal e vertical foran adxudicadas á empresa API Movilidad por  68.530 euros o pasado mes de decembro e foi preciso agardar ata a chegada do bo tempo para poder iniciar os traballos con garantía de calidade.

También te puede interesar