Vigo al minuto

Veciños de Teis denuncian que o Concello leva dende xaneiro de 2015 anunciado que asfaltará a Dona Fermina

A Asociación Veciña de Teis ven de denunciar que o Concello leva anunciando o asfaltado da Avenida de Dona Fermina, desde o 7 de xaneiro de 2015. “O alcalde, voltou anunciar esta pasado mércores, dentro dun proxecto de obras para asfaltados e substitucións de firmes na cidade por un importe de 900.000€, incluíndo novamente a avenida de Dona Fermina”.

Os veciños indican que levan agardando polo asfaltado desta via “desde fai máis de dous anos” e chámalles a atención que este anuncio xa foi realizado en varias comparecencias públicas do propio alcalde e do concelleiro de Fomento nestes anos, sen que logo se realice.

A xuizo da Asociación Veciñal, “esta situación indica unha falta de capacidade de xestión por parte do Goberno municipal de Vigo, que basea a súa xestión en moita propaganda”. Os veciños de Teis, engade, “ levamos meses reclamando o asfaltado de varias rúas e camiño de Teis, debido o mal estado de conservación do firme, sen até o de agora recibir ningún tipo de resposta”.

En concreto, a Asociación, demanda o asfaltado da avenida de Dona Fermina, rúa Julian Estevez, avenida de Guixar, rúa Gerardo Campos Ramos e Purificación Saavedra, incluíndo o estacionamento público, Santa Tegra, Doutor Corbal tramo final, Baixada a Igrexa.

Sinalan que desde o goberno municipal destínanse grandes cantidades do orzamento municipal en remodelar e mellorar rúas, pero logo “non son capaces de realizar o mantemento dos viais”.

Para rematar subliñan que é necesario elaborar un plan para o asfaltado dos camiños e rúas de Teis, que inclúa como mínimo os viais indicados, entre outros.

También te puede interesar