Galicia

Feijóo asegura en Vigo que “todos os estaleiros galegos teñen xa carga de traballo asignada e están en plena actividade”

O presidente do Goberno de Galicia salientou este mediodía en Vigo que, neste momento, “todos os estaleiros galegos teñen xa carga de traballo asignada e están en plena actividade”. Carga de traballo que, subliñou Alberto Núñez Feijóo, ten coma destino  territorios como Perú, México, Noruega, Indonesia, Rusia ou Groenlandia, citou a modo de exemplo, facendo fincapé en que, pouco a pouco, os estaleiros galegos foron recuperando o interese de terceiros países ata encher a súa carteira de pedidos.

Durante unha visita ás instalacións de Factorías Vulcano,o presidente  Feijóo afirmou que “as perspectivas son hoxe ben distintas ás que se albiscaban poucos anos atrás. Non en van, en 2016 Galicia logrou adxudicarse 11 contratos dos 20 asinados por todos os estaleiros españois –un 55%-; 23 buques dun total de 60 contratados en España están a construírse nas gradas da Comunidade –máis do 38% dos pedidos a nivel nacional-; e a carga de traballo no conxunto dos estaleiros galegos ascende a 2.600 millóns de euros”.

O presidente do Goberno galego  lembrou que a tendencia do sector naval actualmente é a especialización, de aí que “na maior parte dos estaleiros galegos a alta tecnoloxía sexa xa unha ferramenta máis de traballo”, co obxectivo de ofrecer un produto diferenciado en calidade, en prestacións e suxeito aos prazos pactados.

“Porque innovar implica que as empresas armadoras de calquera país do mundo sigan atopando na industria naval galega o valor engadido da fiabilidade”, sinalou, ao que engadiu que é, tamén, a forma de dirixir a produción cara a novos nichos de mercado como a renovación de flotas do sector pesqueiro ou a fabricación de embarcacións como a que Vulcano xa ten en carteira.

También te puede interesar