Galicia

@depo_es conquire preto de 3 millóns de euros de fondos europeos para o territorio transfronteirizo do Miño

O territorio transfronteirizo do Miño beneficiarase dun investimento de preto de 3 millóns de euros grazas á concesión dos fondos europeos do programa Interreg VA-POCTEP anunciada este mércores.

O deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez cualificou de histórica” a aprobación dos proxectos presentados pola Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho e subliñou que a contía dos fondos aprobados “é a máis alta destinada dende a UE a un proxecto común e global para a mellora e desenvolvemento da fronteira do Miño” dende a construción das diferentes pontes entre o Sur de Pontevedra e o Norte de Portugal.

Benítez salientou que os cartos que se investirán, 2 millóns de euros dentro do programa ‘Visit Rio Minho’ e 942.022,47€ o programa ‘Smart Minho’ (dos que a UE aporta o 75%) beneficiarán a todos e cada un dos concellos da raia -A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo e Crecente-, xunto coas câmaras portuguesas, e destinaranse ao deseño estratéxico do territorio, con intervencións inmateriais e culturais para poñelo en valor e fomentar o turismo.

Así mesmo, relanzarase o plan de transportes transfronteirizo que leva tempo en proxecto. Todas as actuacións, segundo asegurou Benítez, serán xestionadas pola nova Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Río Miño que está a piques de ser aprobada de xeito definitivo.

A concesión destes fondos europeos “supón un grande paso adiante para o desenvolvemento do territorio do Miño. Hai que ter en conta que se trata da primeira vez que a Deputación de Pontevedra, a través da nova área de Cooperación Transfronteiriza creada polo novo goberno provincial da man do deputado Uxío Benítez, se implica – con éxito- ao solicitar fondos europeos nunha candidatura de estratexia común que propón un concepto global do Miño transfronteirizo”.

É preciso destacar que na Península Ibérica só foron admitidas 130 candidaturas escollidas entre centos de programas presentados relacionadas coas fronteiras e, en dúas delas, a Deputación de Pontevedra e o territorio do Miño son protagonistas.

También te puede interesar