Galicia

@depo_es aproba preto de 300.000€ do Plan Concellos para A Estrada, A Guarda, Moaña e Ponteareas.

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar preto de 300.000 € ao abeiro do “Plan Concellos 2017”, correspondente á liña 2 destinada á amortización, pagamento de débedas e gasto corrente, así como os gastos derivados da realización de actividades culturais, deportivas e sociais. En concreto, as axudas, que ascenden a 294.408,72 € foron destinadas aos concellos da Estrada, A Guarda, Moaña e Ponteareas.

No caso da Estrada a achega é de 28.079,80 € para a organización do “Outono no Principal”. Os 86.017,69 € aprobados para o concello da Guarda repartiranse entre a campaña informativa do regulamento de lixo, o pago de facturas de electricidade, actividades e exposición con motivo do centenario de Masat, actividades culturais “Viva A Guarda” e o Entroido, X Gala do Deporte, Campus de Verán Deportivo, material turístico, o programa “Noites no Castelo”, as andainas 2017, o programa de visitas teatralizadas, a escola municipal de baloncesto e a tirada de fogos da Festa do Monte.

Moaña recibirá 144.811,23 € para gasto corrente novo, en concreto para o servizo de limpeza viaria, e Ponteareas  35.500 € para actuacións de desbroce na rede viaria municipal e a I edición da Feira do Libro do concello.

A Deputación de Pontevedra, con esta última aprobación leva investidos xa preto de 2,3 millóns dos  6.180.000 € previstos este ano para a liña 2, un 37,2% do total do Plan .

También te puede interesar