Galicia

Convocadas as axudas pola destrución da pataca afectada pola couza guatemalteca

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal e se convocan para o ano 2017. As compensacións son por destrución de vexetais debido á presenza de pragas de corentena, en concreto pola aparición de focos do fungo Fusarium circinatum, causante do chancro resinoso do piñeiro, e pola detección de Tecia solanivora (couza guatemalteca da pataca) no norte das provincias da Coruña e Lugo.

A Xunta destina un orzamento inicial de preto de 250.000 euros para esta finalidade, que poderán incrementarse con fondos adicionais. Na orde establécese o baremo de indemnizacións que, no caso da couza da pataca, oscilan entre os 0,30 euros/quilo -para o tubérculo de consumo producido na explotación- e os 0,70 euros/quilo para a pataca de semente. No caso das plantacións establecidas en zonas infestadas, fíxase unha indemnización de 0,40 euros por metro cadrado de superficie plantada.

A orde tamén determina un baremo para os almacéns comercializadores. Neste caso é o prezo de compra, debidamente xustificado mediante factura de venda do provedor de pataca de semente ou, para tubérculo de consumo, o prezo de adquisición por parte dos almacenistas, que o acreditarán mediante a factura de compra.

También te puede interesar