Vigo al minuto

1.908 persoas pasaron por Urxencias do Cunqueiro en Semana Santa e delas 260 quedaron ingresadas

Segundo informa o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), os días festivos de Semana Santa transcorreron con “absoluta normalidade” nos hospitais do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e as “previsións asistenciais que se adoptaron por parte dos distintos servizos foron máis que suficientes para dar cobertura á demanda urxente que se produciu desde o xoves ata onte domingo”.

De feito, sinala o Sergas nun comunicado, “soamente necesitaron ingresar o 13,6% dos 1.908 pacientes que pasaron polo servizo de Urxencias durante eses catro días, unha porcentaxe inferior á media do pasado ano, establecida nun 15%”, e á primeira hora deste luns soamente dúas persoas estaban pendentes de ingreso.

O xoves pasaron por Urxencias 474 persoas, das que 300 foron adultos con distintas doenzas, 32 casos de obstetricia e 142 menores en idade pediátrica. E soamente necesitaron ingreso 69  casos, un 14,6%.

O venres, foi o día en que maior afluencia houbo, cun total de 532 entradas. Pero “curiosamente  rexistrouse a menor porcentaxe de ingresos, un 11,8%, moi por baixo do estándar habitual nun día festivo”. Do total de casos vistos polo persoal de Urxencias, 327 foron adultos, 32 pacientes obstétricas e 173 casos pediátricos.

O sábado, día 15, o total de casos vistos no servizo foi de 466, divididos en 295 adultos, 27 obstétricos e 144 pediátricos. Os ingresos foron 65, un 13,9% dos pacientes atendidos.

Por último, onte domingo houbo 536 pacientes en Urxencias. 273 foron persoas adultas, 23 mulleres con problemas obstétricos e 140 nenos. 62 deses casos necesitaron ingreso, o que supón un 14,2%.

Meixoeiro

Por outra banda, hoxe mesmo reabriuse a cuarta planta de hospitalización no Meixoeiro, “unha vez cubertas as necesidades durante a pasada semana”.

Tal como o pasado luns explicou a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, o peche de dita planta de hospitalización “produciuse ante o descenso da actividade cirúrxica programada durante a Semana Santa e a innecesariedade de mantela aberta”.

Agora, unha vez que dita actividade recobra o seu ritmo habitual, reábrese “coas dotacións e o persoal adecuado para unha actividade normal”.

También te puede interesar