Comarcas

@depo_es amplía un ano a venda de parcelas do polígono Barro-Meis

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar a ampliación do prazo de venda ou constitución de dereitos de superficie das parcelas do polígono de Barro-Meis, coa publicación deste acordo, aprobado no último Pleno da corporación provincial, no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO). Trátase da ampliación do concurso público que convocou a institución provincial a comezos de xaneiro para un total de 48 parcelas, naquel momento, que sumaban máis de 150.000 metros cadrados, e que a Deputación agora amplía coa finalidade de axudar á implantación de industrias e actividades económicas que favorezan o desenvolvemento económico e a promoción do emprego na provincia de Pontevedra.

Na actualidade, no polígono de Barro-Meis hai un total de 28 parcelas ocupadas, máis outras cinco que xa foron adxudicadas, isto é, un total de 33 parcelas vendidas, co cal as dispoñibles ascenden a un total de 40. Ademais, neste polígono atópanse o viveiro de empresas da Deputación de Pontevedra, que ocupa unha parcela de 2.500 metros cadrados e, a maiores, o centro de apoio empresarial cunha parcela da mesma extensión que a anterior.

Dende primeiros do mes de xaneiro están dispoñibles as 40 parcelas restantes, que contan cunha superficie superior aos 100.000 metros cadrados. As parcelas teñen distintas superficies comprendidas entre os pouco máis de 1.500 metros cadrados ata os máis de 6.000. As parcelas poden ser adquiridas en propiedade ou coa nova fórmula de constitución dun dereito de superficie, cun mínimo de cinco anos e un máximo de ocupación de 25 anos e con opción final de compra da mesma parcela.

O polígono de Barro-Meis ten un ámbito de preto de medio millón de metros cadrados, xunto á autoestrada AP-9, dos que aproximadamente están dedicados á actividade empresarial 261.000 metros e, o resto, destinados a viarios, zonas de aparcamento, zonas verdes, equipamentos públicos e reservas para infraestruturas.

También te puede interesar