Cultura

O segredo do Requeixo de As Neves está no leite, no tempo e nas mans de quen herdou unha receita que ten máis dun século

Imáxes:vigoalminuto/A vixésimo sexta “Feira do Requeixo e do Mel” de As Neves, celebrou o pasado sábado un dos seus días máis salientábeis: dúas das veciñas que máis tempo levan facendo o Requeixo, amosaron  cal é o segredo deste sobremesa.

En directo, no Mercado Municipal, explicaron polo miúdo aos asistentes cales son os pasos para a elaboración do requeixo e como o sabor do mesmo depende do tipo de leite-de cabra ou de vaca-, da comida do gando-“sabe moito mellor no inverno cando come herba seca”-do tempo de repouso, da temperatura-é moito mellor que non vaia moita calor-, da humidade, mesmo do tipo de tea que se emprega para escorrer o soro.

A receita foi pasando dunha xeración a outra e cada unha delas foi incorporando innovacións, sen alterar a base que fai que o requeixo de As Neves, en especial o da parroquia de Cerdeira,  teña ese sabor inimitable e particular.

As actividades da Feira do Requeixo seguen vindeiro xoves, día 13, coa andaina ‘Descubrindo Cerdeira. Orixes do requeixo e do mel’. Os participantes poderán coñecer, nunha ruta de 3 horas, que sairá as 4 e media da tarde do Torreiro da Festa de Cerdeira, onde xurdiu o xeito de facer esta receita.

Ese mesmo día, as 9 da noite, no Auditorio Municipal, concerto de Malvela, xusto a véspera do día grande, o Venres Santo, día 14, no que se servirán 20.000 bolas de requeixo e mel –dende as 10 e media da mañá e ata as 9 e media da noite, a un prezo de 1,5€, coma o ano pasado-.

Os asistentes poderán probar , ademais, a marmelada de froitos do bosque ou a nova crema de requeixo, creada por Fran Soteliño, e que se fai con chocolate branco e vainilla.

A feira empezará coa actuación do grupo de música e baile tradicional ‘A Barca de Loimil’; de seguido o cociñeiro Pepe Solla, dono dunha Estrela Michelín, será o encargado dun pregón moi especial, ao mediodía; seguirá a degustación do requeixo e do mel e, xa pola tarde, haberá distintas actividades para os pequenos, entre elas, ás 5 da tarde, o espectáculo de Peter Punk ou do grupo Ronco&fol.

También te puede interesar