Cultura Vigo al minuto

@depo_es achegará 100.000€ para que alumnos da Universidade de Vigo poidan estudar no estranxeiro

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o convenio de colaboración coa Universidade de Vigo para a promoción da mobilidade do seu alumnado, pertencente aos Campus de Pontevedra e Vigo, mediante axudas complementarias ós programas de intercambio internacionais, Erasmus + Estudos, Erasmus+Práticas e bolsas propias de intercambio.

En total, a institución provincial achegará 100.000 € para que 100 alumnas e alumnos da  Universidade de Vigo poidan realizar a súa mobilidade internacional.

A presidenta da Deputación subliñou a importancia desta iniciativa “xa que permitirá que o alumnado universitario, con menos recursos económicos, que sexa seleccionado nas convocatorias de Erasmus + estudios, Erasmus + prácticas ou das bolsas propias de intercambio, poidan completar a súa formación en universidades europeas ou ben realizar as súas primeiras prácticas formativas en empresas e institucións doutros países europeos durante o curso 2017/2018”.

En concreto, a institución provincial outorgará 100 bolsas de 1.000 € das cales 80 se corresponderán co programa Erasmus + estudios, 11 con Erasmus + prácticas e 9 para bolseiras e bolseiros da convocatoria propia internacional da Universidade de Vigo.

O obxectivo principal desta actuación é facilitar a inserción laboral, fomentar e mellorar a empregabilidade e a formación das persoas tituladas universitarias dos campus de Pontevedra e de Vigo.

Ao respecto, Carmela Silva manifestou a súa satisfacción por esta iniciativa que “permite unha maior e mellor formación, adecuada ó mundo global e ó mercado laboral, mellorando as competencias das nosas e nosos estudantes para facer fronte a un mundo máis complexo”.

También te puede interesar