Galicia

@Xunta inicia a aprobación da lei de protección dos animais de compañía para acabar co maltrato e o abandono

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión do Consello da Xunta. Na sala de Consello. Fot: Xoán Crespo

O presidente do Goberno de Galicia avanzou este xoves, na rolda de prensa do Consello, a aprobación da Lei de Protección e Benestar dos animais de compañía para perseguir o maltrato e loitar contra o abandono. “Buscamos loitar ao máximo contra o maltrato animal, buscamos reducir ao máximo o abandono animal e, por último, sensibilizar, na maior medida posible na necesidade de preservar o benestar animal”, abundou Núñez Feijóo.

O presidente salientou que o novo texto busca loitar contra o maltrato animal, non só na súa representación como violencia física, senón tamén noutras formas de manifestación, tales como someter aos animais a condicións hixiénicas e sanitarias moi cuestionables.

Neste sentido, cómpre salientar que a norma recolle a prohibición de todo tipo de ferramentas destinadas a impedir ou limitar a mobilidade dun animal, que lles produza danos ou sufrimentos ou lle impida manter a súa posición normal.

Así mesmo, co mesmo fin de protexer a vida e o benestar dos animais, sinálase como obriga: abrevar e alimentar aos animais durante o transporte; empregar equipos axeitados na carga e descarga que non produzan sufrimento; e queda prohibido o seu transporte nos maleteiros totalmente pechados e sen ventilación axeitada, así coma atalos a vehículos de motor en marcha.

Tamén quedan prohibidas todas aquelas condutas que supoñan mutilacións nos animais co fin único de manter unha características de tipo racial ou estético e a utilización dos animais silvestres nos circos.

O titular do executivo explicou que outro dos retos que se pretende acadar é a redución do abandono de animais domésticos, que orixina un grave problema nos centros municipais de recollida de animais abandonados. Ao respecto, a nova norma potencia e facilita a adopción dos animais abandonados, de xeito que o sacrificio sexa sempre prescrito por un profesional veterinario nos supostos e nas condicións establecidas pola propia lei.

Nesta liña, unha das medidas que destacan son a creación de fogares de acollida, cun réxime de acollemento temporal no que se garanta o coidado, atención e condicións hixiénico sanitarias que precise. E estará condicionado á devolución inmediata do animal no caso de que aparecese un adoptante. Así mesmo, e no fomento de tenza responsable, prohíbese a adquisición de animais de compañía por menores de 16 anos, salvo que conten con autorización do seu titor legal.

Igualmente, a norma introduce a obriga de identificación en todos os casos dos animais de compañía de especie canina, mediante un microchip e a súa inscrición do Rexistro galego de identificación de animais de compañía; unha medida que axudará a minorar a lacra do abandono, ao permitir a identificación do titular do animal.

Neste obxectivo, as asociacións de defensa e protección dos animais deberán inscribirse no Rexistro Galego de Asociacións, dada a importancia da labor que desenvolven, polo que se prevé a posibilidade de declaralas como entidades colaboradoras da Xunta de Galicia e, de ser así, poder subscribir convenios de colaboración con especial énfase na divulgación e educación para a tenza destes animais.

Sobre os animais potencialmente perigosos, cómpre subliñar que, ademais de establecer o seu concepto e de concretarse as razas de can que teñen tal consideración, se establece a obriga da obtención previa da licenza municipal para a tenza dun can destas características, que deberá inscribirse no rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

También te puede interesar