Comarcas

@ponteareas_gal convoca unha praza de interventor interino

O Concello de Ponteareas iniciou o proceso de selección para cubrir a praza de Intervención Municipal en réxime de interinidade. A decisión da Xunta de Goberno Local xa foi publicada no Boletín Oficial da Provincia do pasado venres 24 de marzo.

Esta medida adoptada polo Goberno que preside Xosé Represas permitirá cubrir a praza de Intervención Municipal, na actualidade vacante, polo sistema de concurso oposición. O posto pertence á escala de Funcionarios con Habilitación da Administración Local, subescala de Intervención-Tesourería.

Os e as aspirantes dispoñerán dun prazo de 15 días hábiles, ata o 18 de abril, para presentar as súas solicitudes contado a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no BOP, onde tamén estarán publicadas as bases íntegras polas que se rexe esta convocatoria.

Para poder formar parte deste proceso selectivo, os e as aspirantes deberán estar en posesión de calquera destas licenciaturas ─ou título de grao correspondente─: Dereito, Ciencias, Políticas e da Administración, Socioloxía, Administración e Dirección de Empresas (ADE), Economía, Ciencias Actuariais e Financeiras.

A selección, que se fará polo sistema de concurso-oposición, consistirá na realización dun exercicio obrigatorio e eliminatorio de carácter práctico que pode consistir nun ou varios supostos establecidos polo tribunal, en relación coas materias do programa que figuran no Anexo I da convocatoria, e que os e as aspirantes deberán realizar nun período máximo de 4 horas.

Unha vez rematado o exercicio, este deberá ser lido ante o Tribunal en sesión pública, puntuándose de 0 a 20 e precisándose un mínimo de 10 puntos para aprobar o exame. Rematada a fase de oposición, terá lugar a fase de concurso.

As persoas que, superen as probas, pasarán a formar parte dunha lista de reserva para a provisión interina do posto de interventor/a e/ou tesoreiro/a nos supostos que estes postos estean vacantes e non sexa posible a súa cobertura, como actualmente sucede co posto de intervención.

También te puede interesar