Galicia

Traballadores dos centros de atención á discapacidade piden melloras laborais e que se asine un convenio galego

Traballadoras e os traballadores dos centros de atención a persoas con discapacidade desenvolveron este xoves unha xornada de mobilizacións para reivindicar melloras salariais e laborais e a negociación dun convenio galego de sector que poña fin á precariedade que padece este colectivo. As concentracións realizáronse diante de todos os centros de Galicia que non son de xestión directa.

O persoal dos centros de atención á discapacidade -xestionados por organizacións e entidades sen ánimo de lucro e financiados maioritariamente con cartos públicos- están regulados polo XIV convenio estatal do sector. Porén, explica a CIG-Ensino, dende a negociación do IX convenio en Madrid, houbo unha involución constante e unha perda de dereitos continuada.

Tanto é así que dende o ano 2011 os traballadores e traballadoras perderon un 5,2% do seu poder adquisitivo, acumulando unha perda salarial neste tempo próxima aos 4.000€; recortáronse días de vacacións, pasando de ter un mes máis 18 días a só gozar agora de 22 máis 3 días laborábeis.

Mais pola contra aumentou a xornada laboral, pasando das 37,5h ou 38 horas semanais ás 38,5h ou 39h actuais. Ao que hai que engadir recortes no complemento de antigüidade, nos permisos retribuídos, na IT, na flexibilidade funcional ou incluso na reposición da roupa de traballo.

Esta involución, denuncia a CIG-Ensino, débese á falta de negociación real en Madrid e ao entreguismo e pactismo das organizacións sindicais estatais. Por iso, a CIG acudirá á negociación do novo convenio estatal, que comezará o 28 de marzo, mais sabendo que son un paripé e que só se poderá reverter a tendencia a precarizar o sector coa negociación dun convenio galego.

As protestas chegan tamén logo de que non se producira ningún avance ou compromiso durante a reunión que a representación do persoal e a CIG mantiveron hai unhas semanas co conselleiro de Política Social. Neste senso, cómpre destacar que as competencias nas subvencións a estes centros están transferidas á Xunta de Galicia e entre un 60% e un 90% dos orzamentos que xestionan as entidades proceden de cartos públicos.

Por iso, dende a central sindical apélase á responsabilidade da administración galega para que promova mesas de negociación tanto coas asociacións e federacións como coa representación social, de cara a sentar as bases para acadar un convenio galego de sector que permita mellorar as condicións laborais e salariais, así como a calidade do servizo que se presta.

También te puede interesar