Galicia

‘Luceiro’ a cría de lobo mariño rescatada o pasado mes de decembro xa está de volta no mar

A cría de lobo mariño cincento rescatada fronte a Santo André de Teixido en decembro de 2016 está de regreso ao mar logo dunha boa recuperación, primeiro, no centro da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma), en Nigrán, e, posteriormente, no Instituto Galego de Estudos de Acuicultura (Igafa), da Illa de Arousa.

Este exemplar de lobo mariño cincento embarcou ás 9 emedia da mañá no pesqueiro Ferreira Martínez, no Porto de Marín, con rumbo ao mar de Irlanda, onde foi depositada. Previamente, o animal fora trasladado dende o Igafa, na Illa de Arousa -onde afrontou a última etapa da súa recuperación-, nunha unidade móbil da Cemma ata o porto de Marín.

Durante a singradura, Luceiro dispuxo de todo o necesario para chegar ao seu destino en óptimas condicións. Así, o pesqueiro contaba cun depósito de auga salgada e a comida suficiente para afrontar as horas da viaxe.

Luceiro, que toma o seu nome do barco que o rescatou na costa fronte a Santo André de Teixido, volveu así ao seu hábitat natural despois dun proceso de recuperación repartido entre o centro veterinario co que conta a Cemma en Nigrán e o Igafa, na Illa de Arousa, ao que foi trasladado o día 9 de febreiro. Neste período de tempo, foi necesario tratar ao animal das feridas da cabeza e das aletas que presentaba cando foi recollido. Tamén se lle ensinou a comer e a pescar por si só, a coller destreza para entrar e saír da auga, gañar peso (ata os 33,5 kg actuais) e musculatura.

Cómpre lembrar que este exemplar foi rescatado o pasado 5 de decembro de 2016 tras quedar atrapado nos aparellos do barco. Tres meses meses despois volve ao mar xa totalmente recuperado e nas mellores condicións para reingresar no seu medio natural.

También te puede interesar