Vigo al minuto

Vigo deixa sen efecto o transporte metropolitano e chegará a acordos cos concellos que seguen na Área

Abel Caballero anunciou este mércores que Vigo deixa sen efecto o convenio do transporte metropolitano polo “bloqueo” da Xunta na súa aplicación e proporá acordos bilaterais cos concellos para subvencionar o bus urbano dos que cheguen ou saian da cidade nun transporte interurbano. “Non imos castigar aos cidadáns pola negativa da Xunta a aplicar o transporte metropolitano”, concluíu.

O alcalde expuxo esta mañá que a Xunta de Galicia imposibilita o cumprimento do convenio do transporte metropolitano asinado co Concello e propón o a “obriga” de que Vigo subvencione todas as viaxes de todos os cidadáns no autobús urbano sen que a administración galega pague nada.

Caballero informou que queda sen efecto o nomeado convenio e anunciou contactos cos alcaldes e alcaldesas que toman parte no goberno da Área Metropolitana de Vigo para establecer acordos bilaterais nos que a cidadanía destes municipios teñan as mesmas vantaxes incluidas no convenio.

Abel Caballero, quen xa mantivo conversas con boa parte dos seus homólogos na área viguesa, asegurou que, cos acordos bilaterais propostos, o Concello mantén o seu compromiso de subvencionar o billete do Vitrasa dos cidadáns cando entren ou saian de Vigo nun transporte interurbano.  

Na mesma rolda de prensa, Abel Caballero avanzou que vai propor ao resto de alcaldes e alcaldesas que participan no goberno da Área Metropolitana de Vigo non volver a reunirse como goberno metropolitano. O rexedor vigués argumenta que a Xunta “inviabiliza” o seu funcionamento e a toma de decisións, a través dos recursos xudiciais interpostos contra o novo ente, pola decisión autonómica de non inscribila no Rexistro nin de nomear secretario nin interventor.

También te puede interesar