Vigo al minuto

A Xunta comprobará este xoves con drons que xa se executou o 70% das obras da PLISAN

O Goberno de Galicia inspeccionará este xoves, mediante o emprego de drons, o avance das obras que se están a  executar na Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (PLISAN). A partir das once da mañá varios dispositivos realizarán voos sobre a superficie do polígono para avaliar o progreso dos traballos que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a executar na primeira fase dos sistemas xerais desta infraestrutura industrial.

Eses traballos, que segundo a Xunta se atopan aproximadamente nun grao de execución do 70%, consisten na construción das vías principais que vertebran os eixes norte-sur e este-oeste da Plataforma Loxística, xunto con todas as infraestruturas que darán servizo ás parcelas e que se desenvolven baixo estas vías.

Ata o momento executáronse as capas inferiores de cimentación das vías e os servizos xerais previstos como saneamento, abastecemento ou telefonía. Tamén se construíu un paso inferior baixo o cal discorrerá a vía que dará continuidade á zona de actividade loxística.

Paralelamente, o Consello da Xunta deulle luz verde a pasada semana á licitación da estación depuradora de augas residuais que dará servizo ás empresas que se instalen na Plisan e que suporá un investimento de 4 millóns de euros. Nos vindeiros días o Goberno galego publicará no Diario Oficial de Galicia o inicio do proceso de contratación deste equipamento.

También te puede interesar