Comarcas

@carmelasilva chama a todas as mulleres da Deputación a sumarse ao paro internacional polo ‘Día da Muller’

A presidenta da Deputación  anunciou este martes que mañá, 8 de marzo, vaino dedicar por completo a actos de igualdade como un xeito de reivindicar a data do Dia Internacional da Muller. De feito, Carmela Silva indicou que vaise unir “xunto a todas as traballadoras da Deputación que queiran” ao paro internacional das mulleres convocado en máis de cincuenta países  e que ten como lema “a solidariedade é a nosa arma”. Na institución provincial o paro terá lugar entre as 12 e as 12.30 horas

En rolda de prensa, Silva, subliñou que foi no ano 1910, na II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas en Copenhague, a proposta de Clara Zetkin proclamouse o 8 de marzo como o Día Internacional da Muller. En España lembrou, foi a partir do 8 de marzo de 1910 cando as mulleres puidemos por vez primeira acceder á Ensinanza Superior a través dunha real orde que autorizou “por igual a matrícula de alumnos e alumnas”, pouco despois de que Emilia Pardo Bazán fose nomeada conselleira de Instrución Pública. Por último destacou que a ONU declarou en 1975 o 8 de marzo como o Día Internacional da Muller.

A presidenta da Deputación sinalou que sendo as mulleres máis do 50% da poboación mundial a súa representatividade en todos os estamentos da sociedade é moi inferior. Na política, no mellor dos casos, apenas pasan do 40%; na xudicatura, onde son maioría de xuízas apenas están representadas nos órganos de goberno; ou no mundo da docencia, onde recoñeceu que é unha profesión moi feminizada, os postos de dirección seguen a estar copados por homes.

Precisamente “está é a causa pola que a política de igualdade é prioritaria na Deputación de Pontevedra”, subliñou Silva, quen destacou que dende a chegada do novo goberno provincial creouse un servizo propio que antes non existía “e trátase dunha política transversal a totalidade das deputadas e deputados co que xa somos un referente en igualdade”.

Dentro desas actuacións, que comezaron  nada máis chegar o novo goberno, está o proxecto de “Violencia Zero”, que mañá levará á presidenta a Cuntis onde a artista Nana elaborará o graffiti “Cóntame outro conto” e que quedará permanentemente na vila. En Pontevedra, a presidenta, xunto as mulleres da corporación e traballadoras da Deputación, secundará as 12 a media hora de paro que incluirá a lectura dun manifesto na explanada de Montero Ríos diante do Pazo Provincial.

Posteriormente a esta actividade, nunha emisora de radio deportiva de Vigo, Carmela Silva intervirá para poñer en valor o participación da muller no deporte, do que temos moitos exemplos na nosa provincia como se puido comprobar nos recentes xogos olímpicos,  xa que moitas veces a súa traxectoria non é vinculada aos seus éxitos senón a outros aspectos da súa vida persoal. Tamén en Vigo, a Presidenta participará nun xantar con mulleres deportistas e con diversidade funcional

Finalmente, a presidenta da Deputación trasladarse a Lalín onde asistirá á entrega do “XI Premio á muller empresaria 2017. Dona Maruja Gutiérrez”,  ás 20.30 no Museo Municipal Ramón María Aller.

Carmela Silva puxo de manifesto o cambio sufrido  na institución provincial, “unha revolución no ámbito da igualdade” e lembrou as informacións recollidas polos medios de comunicación como exemplo da presenza dos distintos actos nesta materia. “Quérolles agradecer a todos e todas as xornalistas o seu traballo para mostrar nos seus medios de comunicación todas as actividades que levamos desenvolvendo en materia de igualdade nestes case que dous anos que chegamos a Deputación. Moitas grazas”.

A presidenta subliñou que nas actividades da Deputación teñen participado máis de quince mil persoas, entre as que se atopan os funcionarios e funcionarias que participaron na formación da linguaxe inclusiva e posta en marcha da guía de igualdade de xénero. O proxecto “conectadas 2016”, con 370 accións formativas e catro mil quiñentas persoas;  a escola de igualdade María Vinyals; a xornada de empoderamento de mulleres rurais; o proxecto “Sorrisos transformadores” que achega a 20 concellos a visibilización dos nenos e nenas trans; o protocolo para a detección  da violencia de xénero no posto de traballo ao que se sumaron  19 concellos e 149 empresas da provincia;  as subvencións para entidades sociais para a igualdade de oportunidades e loita contra a violencia de xénero con 25 entidades beneficiadas en 2016; as axudas para os concellos para a prevención de violencia de xénero cun orzamento de 200.000 euros para 2017; o proxecto “Mulleres en Acción. Violencia Zero” en vinte e cinco concellos con accións directas; o ciclo “Cinema Muller”, unha mostra de setenta creadoras da provincia de Pontevedra, co proxecto de película colaborativa que tivo varios premios; e os Encontros de Mulleres Imparables, tanto en Pontevedra como en Andalucía; e as campañas de xogos non sexistas; os premios de fin de grao e de carreira “Sofía Novoa”  e o proxecto da Universidade de Vigo sobre a “sustentabilidade do mar e a Muller”; son os exemplos máis directos da actividade da Deputación de Pontevedra en materia de igualdade.

También te puede interesar