Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Educación e a Asociación TEAVi, de Vigo, colaboran na atención do alumnado con autismo

A Consellería de Cultura e Educación e maila Asociación de Trastornos do Espectro Autista de Vigo (TEAVi), van colaborar co fin de mellorar a atención educativa ao alumnado con Trastorno do Espectro Autista (TEA). O conselleiro Román Rodríguez, e maila presidenta de TEAVi, Encarna Fernández Freire, asinaron esta semana o convenio de cooperación en materia educativa ao abeiro do cal se van poñer en marcha accións conxuntas dirixida a este colectivo.

Avanzar nun sistema educativo máis inclusivo, que dea unha resposta acaída á diversidade do alumnado, é unha das liñas estratéxicas da Consellería de Cultura e Educación. Por este motivo, o departamento que dirixe Román Rodríguez vén colaborando con diversas entidades e asociacións especializadas na atención a colectivos con necesidades educativas específicas para deseñar unha acción educativa integral ás súas peculiaridades.

Ao abeiro deste acordo, TEAVi colaborará coa Consellería nas accións de formación do profesorado que atende aos alumnos con TEA, así como na elaboración e difusión de materiais e documentos que axuden a un maior coñecemento das circunstancias específicas do alumnado con este Trastorno.

Así mesmo, a Consellería facilitará que os profesionais desta entidade colaboren cos centros docentes en labores de asesoramento tanto do profesorado coma das familias, na orientación sobre as metodoloxías máis axeitadas, e na posta a disposición de información complementaria que lles poida servir de axuda no día a día tanto a nivel escolar como familiar.

También te puede interesar