Vigo al minuto

O personal de Pescanova convoca folga os días 14 e 21 de marzo que podería ser indefinida dende o 3 de abril

O cadro de persoal de Nueva Pescanova decidiu este sábado, nunha asemblea celebrada en Redondela, convocar dúas xornadas de folga os vindeiros martes 14 e 21 de marzo ante o “bloqueo da renovación dos convenios colectivos tras máis de 10 meses de conversas”. Ademais, os traballadores acordaron que no caso de que non se produzan avances nas negociacións o paro pasará a ser indefinido a partir do 3 de abril.

Arredor de 400 empregados de Nueva Pescanova participaron na asemblea convocada pola maioría sindical da empresa de alimentación (CIG, CUT, UGT e USO) para analizar o último borrador de convenio achegado pola dirección e debatir a posibilidade de convocar mobilizacións. O conxunto dos traballadores rexeitou a proposta e apostou por promover unha convocatoria de folga para os vindeiros martes 14 e 21 de marzo.

Ademais, no caso de que non haxa avances nas vindeiras semanas, o paro pasaría a ser indefinida a partir do luns 3 de abril. Estas decisións adoptáronse co voto a favor da práctica totalidade dos presentes, xa que unicamente se rexistraron dúas abstencións.

Outra das medidas que saíron adiante foi a formación de piquetes para evitar a entrada de traballadores de ETT na empresa os sábados, xa que a dirección está a botar man deles en maior medida dende que o persoal de empresa decidiu deixar de facer horas extras como medida de presión.

También te puede interesar