@depo_es abre o prazo para que os concello de menos de 20.000 habitantes soliciten subvencións para Fomento da Igualdade

Os concellos da provincia de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes xa poden solicitar dende este martes, 21 de febreiro, e ata o 22 de marzo, as subvencións da Deputación para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero,  cuxa convocatoria foi publicada este luns no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO).

O programa de axudas, impulsado a través do Servizo de Igualdade da Deputación, ten como obxectivo a implicación dos concellos da provincia na consecución da igualdade real e efectiva entre as mulleres e os homes en todos os ámbitos da vida social, política, económica e cultural, así como a loita contra a lacra social da violencia de xénero.

En total destínase a esta convocatoria un máximo de 200.000€ e cada administración local poderá obter un máximo de 6.000€. Os proxectos, programas e actividades que se poderán financiar son as actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; os proxectos e iniciativas xurdidas dos acordos das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero; os proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas de violencia de xénero, ás súas fillas e fillos e ás persoas dependentes ao seu cargo; programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; proxectos encamiñados a mellorar a formación e a orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; as accións e actividades encamiñadas á elaboración do plan municipal de igualdade, así como as orientadas á súa difusión e avaliación; accións dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, familiar e profesional; accións e actividades de prevención e sensibilización no eido educativo dirixidas ao alumnado, ao profesorado e ás familias co fin de dotalos de estratexias educativas para o fomento da igualdade de trato e oportunidades; e campañas de difusión e sensibilización da cidadanía en materia de igualdade .

También te puede interesar