Galicia

Os estudantes de secundaria e universitarios, convocados á folga este xoves, día 16

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público vén de manifestar o seu apoio á folga convocada para o este xoves día 16 de febreiro polo estudantado contra a LOMCE, a implantación do decreto 3+2 na universidade, os recortes no ensino público, e en demanda dunha Lei Galega de Educación. No decurso desa xornada están convocadas 23 mobilizacións nas sete cidades e en numerosas vilas galegas ás 12:00 horas por ERGUER e ás 19:00 h pola PGDEP. En Vigo haberá manifestación ás 12.00 horas dende Praza América e concentración ás 19.00 horas diante do Marco.

En representación da PGDEP, Anxo Louzao, explicou que tanto a  folga como as mobilizacións son continuidade da batalla da Plataforma contra a LOMCE e as súas consecuencias e contra os recortes que vén padecendo o ensino público desde o ano 2010 “aplicados con todo o empeño polo PP en Galicia”.

Louzao lembrou que “contra o que se pretende dar a entender de maneira propagandística por parte do PP en Galicia e no Estado” a LOMCE segue vixente e as reválidas foron adiadas pero tampouco derrogadas.

Xunto a isto denunciou que se pretende que sexa no marco do Pacto pola Educación, do que non se sabe nada, onde se aborde esta cuestión. “O único que se sabe é que os principios son os da propia LOMCE e que o que se pretende é maquillala para darlle un maior apoio, o que, do punto de vista da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público,é claramente inaceptábel porque mantén un modelo que persegue maior privatización, maior españolización, confesionalidade, elitismo e segregación do alumnado, poñendo en cuestión a igualdade de oportunidades e o dereito á educación”.

Pola súa banda Iria Figueroa, portavoz de ERGUER. Estudantes da Galiza, subliñou que esta convocatoria de folga atinxe tanto ao ensino medio como ao universitario. No ensino medio para seguir demandando a derrogación da LOMCE e a elaboración dunha lei galega de Educación e no ámbito universitario contra a aplicación do Decreto 3+2.

Neste sentido sinalou que a Confederación estatal de reitores vén de proporlle ao Ministerio de Educación que este decreto se comece a aplicar no curso próximo nos graos de nova creación para logo ir estendendo gradualmente ao conxunto do sistema universitario. “Parécenos inadmisíbel que se leve adiante a aplicación deste Decreto que conta coa oposición frontal do estudantado e que implica a redución dos graos de catro anos a tres para baleiralos de contido e que sexa necesaria unha especialización moito maior a través dun máster que se amplía de un a dous anos, co agravante de que os másteres teñen un prezo de matrícula que é o dobre do que ten o grao”.

Diante disto denunciou que, na liña que inaugura a LOMCE, tamén no sistema universitario “camiñamos cara a unha elitización cada vez maior do ensino, unha eliminación da igualdade de oportunidades e unha total supresión da posibilidade deque todo o mundo poida acceder a un grao e a un título universitario”.

También te puede interesar