Destacados

@MareaVigo denuncia que son os Bombeiros os que están realizando as reparacións da cuberta de Balaídos

O Grupo Municipal da Marea de Vigo esixe un estudo técnico e a contratación urxente dunha empresa de traballos en altura -ao non existir persoal equivalente no Concello- que garanta a solvencia e capacidade de realizar un traballo de reparación en Balaídos. O non facelo do xeito correcto provoca barbaridades como as mais de 28.000 horas extras de bombeiros no ano 2016, moitas delas de “dubidosa legalidade“.

O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, considera que “a función dos Bombeiros dentro da problemática actual en Balaídos, é retirar os elementos susceptibles de caer ao interior do estadio ou a vía pública, e asegurar o resto existente, pero en ningún caso realizar tarefas de reparación”.

Marea de Vigo denuncia que na reparación está traballando un vehículo de emerxencia de primeira saída -que ten que estar dispoñible para urxencias- e mesmo hai bombeiros de retén traballando na reparación, o que “pode supoñer unha ilegalidade, ademais das graves consecuencias no caso de acontecer unha emerxencia, podendo resultar tremendamente problemático no caso de accidente laboral, tanto para o traballador en cuestión como para a cobertura do mesmo”.

De igual xeito, engade Pérez, trátase dunha actuación laboral que ten que ter un estudo de seguridade e un proxecto técnico que agora é inexistente, polo que, esta actuación debería estar xa en coñecemento da Inspección de Traballo.

No Regulamento do Servizo de Extinción de Incendios do Concello de Vigo, non existe ningunha atribución de actividades de reparación de edificios ou cubertas, só as relacionadas coa retirada de elementos susceptibles de desprenderse polo que, “non entendemos porque se actúa con esta improvisación e co enésimo emprego arbitrario de horas extra no corpo de bombeiros”, afirma Rubén Pérez.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo pedirá explicacións sobre esta nova “chapuza” que se está levando a cabo para dar solución aos problemas do estado das gradas do edificio público que ten mais capacidade de aforo nesta cidade.

También te puede interesar