@COGAMI_Galicia e Fundación Vodafone España logran a inserción laboral de case 100 persoas con discapacidade

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e a Fundación Vodafone España desenvolveron durante o ano 2016 o proxecto “COGAMI integra a través das TICS”, unha oportunidade para 150 persoas con discapacidade procedentes de distintas localidades galegas, que aprenderon a buscar traballo a través do uso das novas tecnoloxías.

As dúas entidades puxeron en marcha esta iniciativa co obxectivo de mellorar a empregabilidade de persoas con discapacidade ou con incapacidade laboral recoñecida, sobre todo mulleres que viven en zonas rurais e que nos últimos seis meses careceron dun contrato laboral.

O programa, iniciado a principios de 2016, ofrece ás persoas participantes un servizo de asesoramento, información, formación e capacitación en TICS co propósito de facilitar a procura de emprego e o acceso ao mercado laboral. Para lograr este acceso, valoráronse as capacidades das persoas e trazóuselles un itinerario persoal de integración laboral adaptado ás súas necesidades e intereses.

A eficacia no manexo das TICS traballouse a través da impartición de cursos formativos e tamén a través de sesións sobre o manexo dos portais de emprego 2.0 máis novos e a gravación de 14 videocurriculums, onde as propias persoas participantes no proxecto son as que presentan o seu perfil profesional en formato vídeo.

“Proxectos como este permiten que persoas que están apuntadas nos nosos Servizos de Intermediación Laboral, poidan adquirir as competencias que necesitan dunha maneira personalizada e integral para poder incorporarse ao mercado laboral”, explica a coordinadora do servizo de emprego de COGAMI, Mari Ínsua Fabeiro.

Das 150 persoas que participaron no programa (75 mulleres e 75 homes),  25 proceden de A Coruña, 19 de Ferrol,  22 de Santiago, 18 de Lugo, 21 de Ourense, 21 de Pontevedra e 24 de Vigo. En canto á idade, a maioría son maiores de 31 anos e, segundo o nivel de estudos, o 34% teñen graduado en ESO, seguido do 28,6% con estudos en formación profesional e o 14,6% con estudos primarios.

Grazas a este proxecto, 96 persoas conseguiron inserirse laboralmente durante o desenvolvemento deste programa Vodafone, o que sería un 64%, unha porcentaxe que supera o propósito inicial que se pretendía cubrir, sendo este o 48%.

Este proxecto tamén é importante para COGAMI porque lle permite contactar con empresas ás que se lles presenta o servizo de emprego da entidade e rompen os falsos mitos que poidan existir sobre a discapacidade e a inserción laboral. Un total de 748 foron contactadas que finalmente orixinaron a contratación de 96 persoas con discapacidade.

Non todas estas empresas contactadas lanzaron ofertas de emprego, pero si colaboraron cedendo tempo e instalacións para que persoas integrantes do programa puidesen realizar prácticas non laborables nunha empresa. Un total de 34 empresas tutorizaron a estas persoas.

Sete orientadores laborais, situados nas oficinas que COGAMI ten abertas nas cidades galegas, son os que se encargan de valorar e avaliar as potencialidades e capacidades de cada unha das persoas e da súa motivación. Para iso trazan un itinerario o máis axustado posible aos intereses e posibilidades da persoa, ademais de proporcionarlles formación sobre uso de ferramentas TICS, portais de emprego e videocurriculums.

También te puede interesar