Destacados

O Concurso de MicroCatrorelatos de @catro_cafe recibiu xa 23 textos dos que o xurado elixiu 8

Un total de 23 textos orixinais recibiu até o pasado domingo a organización do concurso MicroCatrorelatos para participar na primeira fase do certame. Destes 23 relatos, nunha xuntanza celebrada onte, o xurado elixiu os 8 textos que concorrerán á primeira eliminatoria, que terá lugar o 27 de xaneiro no café De Catro a Catro, ás 10 da noite.

Clara do Roxo, Amadeo Cobas, Mari Carmen Casal e Ángela Costas, -integrantes do xurado-, expresaron a súa satisfacción pola “boa participación nesta edición do concurso así como a alta calidade dos textos recibidos”. Asemade, confiaron en que este nivel de calidade se manteña nas tres fases seguintes e animaron a todos os amantes da escrita a “continuar imaxinando boas historias”.

Así, os textos seleccionados polo xurado na convocatoria deste mes de xaneiro son “As balas de koch”, de Liter4tura; “A Gioconda cubista”, de Mª Dolores Araújo”; “A Senda do Dragón”, escrito por Yashana Terapias; “Flores murchas”, de Alter-Ego; “Néboa”, de Pociñas; “Nécora”, escrito por Rafa Costas; “Nunca antes vira o mar”, de Mónica Muñoz; e “Un Branco esquecemento”, escrito por Julia Tomé.

A semifinal contará coa presenza dos autores e autoras destes textos elixidos, xa que deberán ler as súas obras nun acto público, tal e como figura nas bases do concurso. De non poder facelo, deberán xustificar a súa ausencia e nomear un substituto que o faga. Para levar a cabo a interpretación dos textos, os autores poderán empregar disfraces ou calquera elemento que precisen, pero non poderán facer introducións ou presentacións das obras, senón que terán que lelas sen máis engadido.

Para decidir a eliminatoria, as persoas asistentes outorgarán puntuacións de 3, 2 e 1 puntos ás tres obras máis salientables (será obrigatorio votar a tres delas ou a papeleta de voto será invalidada), valorando a calidade literaria do texto en fondo e forma, a súa orixinalidade, así como tamén o xeito de lelo e interpretalo. Deste xeito, o texto que obteña maior puntuación do público será un dos orixinais seleccionados para competir na final de maio. Pola súa banda, o segundo texto semifinalista será o votado polo xurado.

Na xornada final, que se celebrará o 26 de maio, repartiranse dous premios, un de 300 euros ao texto elixido polo xurado, e outro de 200 euros ao orixinal escollido polo público asistente. Ademais, o microCatrorelato gañador será enmarcado e exposto no café De Catro a Catro xunto ao resto de obras gañadoras das pasadas edicións.

También te puede interesar