Vigo al minuto

@depo_es celebra o final da rodaxe do ‘O final do Camiño’, serie de televisión que ten a provincia de Pontevedra coma protagonista

O Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acolle este martes, día 27 de decembro, dende as 7 da tarde o acto de finalización da serie televisiva ‘O final do Camiño’, que se emitirá, en horario de máxima audiencia na Televisión Española (TVE) –co título en castelán ‘El final del Camino’– e Televisión de Galicia (TVG), coma indicou o responsable de turismo da Deputación de Pontevedra, Santos Héctor Rodríguez., quen lembrou que nesta produción “a provincia de Pontevedra é o escenario protagonista”.

Con doses de loitas de poder, intrigas, historias de amor e desamor, asaltos e batallas, a historia sitúase o comezo da historia en 1065 –dez anos antes do inicio das obras da nova catedral compostelá– e vertébrase arredor do Camiño de Santiago.

En total, son oito capítulos, duns 70 minutos de duración cada un, dirixidos a un público familiar e producidos pola firma Voz Audiovisual. Segundo salientou a presidenta da Deputación, o motivo da colaboración do organismo provincial é o escaparate que supón para Pontevedra, “xa que moitas das localizacións están na nosa provincia”.

Na serie, lembrou Carmela Silva, poderanse contemplar as paisaxes de Silleda, Lalín, Xestoso, Forcarei, a canteira de Rosende, a de Vila de Cruces, os mosteiros de Carboeiro e Aciveiro, a praia fluvial de Siro, o pazo de Outeiro en Vilatuxe, a fervenza de Escuadro, Vila de Cruces, Campomarzo, Ansemil, a carballeira de Barcia e o castro da Estrada. Ademais, empregáronse as instalacións da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, onde se recreou a Compostela medieval e as obras de construción da catedral. En total, 2.500 metros cadrados de sets de gravación.

Este acto de final de rodaxe, serviu para amosar, ademáis, unha peza audiovisual na que se mostrarán os enclaves das Rías Baixas nos que se gravou a serie, tanto imaxes dos propios espazos coma do proceso da gravación, así como o avance, e haberá tamén música en directo.

Segundo lembrou a presidenta, a serie comezou xa coa súa campaña de promoción, que se pode ver en televisión, e tamén se presentou en festivais coma os de Cannes ou Miami.

Silva salientou que un país é rico cando aposta pola cultura, pola innovación, pola imaxinación, o talento e, en especial no eido audiovisual, que hai que potenciar e que debemos conquerir que traballe aquí, “por iso é un día importante para nós, para Pontevedra, para Galicia”.

A presidenta manifestouse “abraiada”, logo de ver un adianto da producción, “pola calidade da imaxe, do son, dos actores e das actrices, da historia, a calidade de toda a montaxe e escenificación, realmente sorprendéronme”, por iso, repetiu, “hoxe é un gran día para todos nós”.

Nesta producción participan actrices e actores coma Antonio Velázquez, Javier Rey, Maxi Iglesias, Begoña Maestre, Guillermo Barrientos, Cristina Castaño, Asier Etxeandia, Ismael Martínez, Juan Fernández, Xavier Deive, Tito Asorey, Joan Massotkleiner, Manuel de Blas, Antonio Durán “Morris”, Jaime Olías, Patricia Peñalver, Paco Manzanedo ou Fina Calleja.

También te puede interesar