Ciencia y Tecnología

O catedrático da @uvigo David Posada repite na lista de científicos máis citados do mundo

david-posada

O seu nome apareceu nesta lista por primeira vez no 2001 e, dende entón, non deixou de facelo. Un ano máis, e xa van máis de quince, o catedrático da Universidade de Vigo David Posada volve figurar na lista de científicos máis citados do mundo que publica a axencia internacional Thomson Reuters. “A nivel persoal supón un orgullo seguir estando aí, como un deportista que segue participando nas olimpíadas e ganando medallas”, admite Posada, ao tempo que fai fincapé en que detrás do traballo individual sempre hai un labor de grupo e este é tamén un recoñecemento a todo o persoal que forma parte do seu equipo.

Entre o 1% dos máis citados por campo e ano

A lista de 2016 céntrase na investigación realizada nos últimos anos e para a súa elaboración avaliáronse os artigos publicados en revistas científicas e de ciencias sociais indexados na web Science Core Collection entre os anos 2004 e 2014. Só se consideraron aqueles artigos que están entre o 1% dos máis citados por campo e ano, os denominados highly cited papers.

Na lista aparecen os 3.000 investigadores e investigadoras máis citados do mundo de 21 campos da ciencia e as ciencias sociais, que van desde a medicina clínica e as neurociencias, ata a agricultura, a economía ou o medio ambiente. Deles 54 traballan en institucións españolas, tres deles nas universidades galegas, xa que, ademais de Posada, aparecen tamén os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela Rosana Rodríguez e Juan Nieto, integrantes ambos do Departamento de Análise Matemática. Vinculado tamén ao SUG e, máis concretamente á propia Universidade de Vigo aparece tamén –en dúas categorías distintas- o profesor Luis Liz Marzán, quen durante 17 anos dirixiu o Grupo de Química Coloidal da institución académica viguesa e que na actualidade exerce como director científico do centro de investigación CIC biomaGUNE (Center for Cooperative Research in Biomaterials) do País Vasco.

1º investigador galego en acadar una bolsa Starting Grant do ERC

O director do Laboratorio de Filoxenómica da Universidade de Vigo Phylogenomics Lab e investigador de Cinbio, Centro de Investigación Biomédica, foi o primeiro investigador galego en acadar una bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación, ERC, e en 2014 acadou unha axuda Consolidator Grant, tamén do ERC, dotada con dous millóns de euros para financiar o seu proxecto sobre a evolución somática das células canceríxenas.

“Levamos un ano e medio de cinco dun proxecto moi complicado no que traballamos con simulación de datos e non hai resultados máis aló de pequenos éxitos técnicos, que en si mesmos non teñen valor para o público en xeral. Só ao final se verá se temos capacidade de identificar procesos de evolución do cancro, que é unha célula que quere vivir máis que outras, medrar máis, alimentarse máis… é parte da vida, o prezo da vida”, explicaba Posada sobre o seu proxecto o pasado mes de maio, data na que recibía a distinción de Biólogo do Ano, distinción outorgada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia.

También te puede interesar