Galicia

O persoal dos centros de chamadas colga os cascos de xeito maioritario

2016-11-28-vigo-folgacentroschamadas-11A cuarta xornada de folga por un convenio digno nos centros de chamadas deste 2016 está a ter en Galicia un seguimento maioritario, segundo as estimacións da CIG. Para visibilizar o conflito que vive o sector, as traballadoras e traballadores realizaron mobilizacións en Vigo, A Coruña, Lugo e Ourense, cidades onde se concentran as grandes empresas, para rexeitar as pretensións da patronal de subir un miserento 1% os salarios, así como os recortes en horas médicas e as maiores dificultades para a conciliación, “medidas que, no seu conxunto, precarizan aínda máis as condicións laborais no sector”.

En Vigo, centos de traballadores percorreron en manifestación a distancia que separa Unísono, na Gran Vía, até Bosch, en María Berdiales. Na Coruña, fíxose unha marcha que, arrincando de Atento, percorreu Juan Flórez até a Praza de Pontevedra, con paradas diante das oficinas de La Caixa, Banco Pastor, Abanca, Gas Natural-Fenosa e Movistar. Todas compañías que teñen participacións en empresas do sector ou que teñen subcontratados os seus servizos.

Pola súa banda, en Lugo o persoal concentrouse ás portas de Abante BPO e en Ourense houbo protesta na Praza das Damas, diante da Confederación de Empresarios. Algunhas das proclamas que se puideron ouvir nas protestas foron: “convenios aquí e non en Madrid”, “convenio digno, convenio galego, convenio que respecte os nosos dereitos” , “dereitos conquistados non poden ser roubados” ou “recortes e despidos para os directivos”.

También te puede interesar