Galicia

Centos de persoas concéntranse en Galicia contra a ‘Pobreza Enerxética’

vigoPodemos Galicia, da man das súas agrupacións municipais, sumouse este sábado ás diversas concentracións perante as portas das oficinas de Gas Natural en Galicia, como xesto de solidariedade e repulsa ante a morte de Rosa, a anciá que faleceu asfixiada o pasado luns no incendio provocado por unha candea despois de que Gas Natural lle cortase o subministro de luz por non poder pagar a factura.

Os actos, que remataron coa concentración de Podemos Compostela, deron comezo entre as 12.00 e as 13.00 nas cidades de Ourense, A Coruña e Vigo. Nesta última, a agrupación local de Podemos acompañou á Plataforma de Afectados pola Hipoteca Tui – Baixo Miño e diversas organizacións sociais como a RSP, Foro socioeducativo Os Ninguéns, Voces da Rúa, ODS Coia e o colectivo Al Margen.

En total, preto de cen persoas apoiaron esta mobilización que tivo lugar na oficina de Gas Natural Fenosa da rúa López Mora. O acto contou coa participación da deputada de En Marea no Parlamento Galego e membro de Podemos Galicia, Magdalena Barahona, que sinalou que “non se pode tolerar que empresas ás que todos e todas facemos gañar cantidades inxentes de cartos incumpran as súas responsabilidades sociais e poñan en perigo ou maten, coma neste caso, ás persoas máis vulnerables”.

A concentración da Coruña, que congregou a preto de cen persoas, contou tamén coa presenza do deputado de En Marea, Antón Gómez-Reino “Tone”, o deputado autonómico Pancho Casal e o referente do activismo galego Nicanor Acosta, entre outros simpatizantes e persoas da rúa que se sumaron de maneira espontánea ó pasar por diante e coñecer o motivo da protesta.

En Ourense foi o activista local Balbino González quen, tras citar a frase de Bertol Brecht “Cando a verdade non poda defenderse pasará ao ataque”, leu o manifesto no que se sinalaba que Gas Natural Fenosa non so incumpre a actual lexislación catalá, senón tamén a carta de dereitos humanos, que di no seu artigo 25 que toda persoa ten dereito a un nivel de vida adecuado, despois do cal se gardou un minuto de silencio en memoria de Rosa.

As concentracións enmárcanse dentro da campaña Vamos!, posta en marcha dende Podemos estatal coa finalidade de visibilizar e reclamar solucións para a situación de pobreza enerxética que afecta a milleiros de familias no territorio do Estado, especialmente ante a chegada dos meses de inverno, nos que o gasto aumenta notablemente polo frío, condenando a moitas persoas a non poder quentar os seus domicilios e causando todo tipo de trastornos, sociais e da propia saúde, ás persoas afectadas e, nos casos máis extremos, accidentes como o que lle custou a vida a Rosa.

A raíz desta morte, Podemos estatal presentou no Congreso dos Deputados unha petición de comparecencia de Isidro Fainé, actual presidente de Gas Natural Fenosa e ex presidente de La Caixa (hoxe Caixabank), para que explique por que non se seguiron os cauces estipulados na lei 24/2015 de medidas urxentes para afrontar a emerxencia no ámbito da vivenda e pobreza enerxética.

También te puede interesar