Vigo al minuto

Os xubilados e pensionistas galegos mobilízanse para defender as súas pensións

xubilados

O Colectivo de Xubilados e Pensionistas da CIG comezará esta semana unha serie de mobilizacións para defender o sistema público de pensións, o seu poder adquisitivo e o dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao Salario Mínimo Interprofesional.

As mobilizacións arrancarán este 17 de novembro con concentracións nas sete grandes cidades galegas. Así haberá concentracións ás 11 horas en Santiago de Compostela (diante da sede da Tesourería Xeral da Seguridade Social) e en Pontevedra (diante do Instituto Nacional da Seguridade Social); ás 11.30 horas diante do INSS de Ourense; ás 12.00 horas en Vigo (frente á Xunta de Galicia), en Ferrol (fronte a Xunta) e A Coruña (na Subdelegación do Goberno); e ás 13.00 horas diante da Subdelegación do Goberno de Lugo.

Dende o colectivo denuncian que as sucesivas reformas das pensións e da Seguridade Social, “aprobadas tanto polo PSOE como polo PP, dificultan cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, rebaixan as contías de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación”.

Tamén denuncian que nos últimos 6 anos houbo varios exercicios nos que “non se revisou o importe nominal das pensións ou fíxose por baixo da inflación, chegando a incumprir a lei para a súa actualización pola desviación do IPC até que no ano 2013 se procedeu a anulación desta lei”.

Todas estas políticas provocan “un empobrecemento maior dos pensionistas: case o 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo, aumentándose a diferenza negativa”. Así, en Galiza a pensión media está máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado español.

También te puede interesar