Comarcas Galicia

A @depo_es adxudica 300 bolsas de prácticas laborais en empresas

deputacion-carmela

A Deputación de Pontevedra adxudicou 300 bolsas de práctica laboral en empresas privadas da provincia destinadas a persoas tituladas universitarias ou de formación profesional sen experiencia laboral previa no seu ámbito de titulación. Os seleccionados comezarán o día 15 de novembro e durante 6 meses, prorrogables por outros 6, o seu primeiro contacto co mercado laboral.

O Plan de Práctica Laboral da Deputación, ao que se destinan preto de 700.000 euros, ten como finalidade “promover e completar a formación das mozas e mozos da provincia en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa incorporación ó mercado laboral”, como sinalou a presidenta, Carmela Silva. Ata o momento, o 15% das mozas e mozos beneficiados por esta iniciativa foron contratados polas empresas nas que realizaron a práctica laboral e o 40% das mozas e mozos que participaron no programa atoparon traballo noutras empresas unha vez rematadas as prácticas.

Á convocatoria do Plan de Práctica laboral deste ano presentáronse 1.138 empresas que demandaban persoas con formación en Administración e Dirección de Empresas, Traballo Social, Fisioterapia, Ciencias Empresariais, Relacións Laborais, Enxeñería Técnica Informática, Ciencias Empresariais, Arquitectura, Xornalismo e Publicidade e Relacións Públicas. No caso de ciclos superiores de formación profesional, o que máis solicitaron as empresas son persoas con formación en administración e finanzas, marketing e publicidade, integración social, animación, asistencia á dirección, xestión de ventas, axencias de viaxes e xestión de eventos.

Case 350 postos de emprego creados en 2016

Por outra banda, a Deputación de Pontevedra contratou a un total de 343 persoas durante os primeiros 10 meses de 2016 para traballar nos distintos servizos e departamentos da institución provincial. Carmela Silva sinalou que se trata “dun importantísimo volume de contratacións, feito modernizando unha administración que carecía dun número importante de persoal que puidese dar resposta aos servizos que ten que prestar”.

Son contratacións feitas a través de convocatorias “públicas, abertas e de libre acceso, a través das bolsas de emprego creadas a partir desas convocatorias e outras contratacións temporais así como a través do Servizo Público de Emprego”.

Deste xeito, a Deputación creou 80 empregos entre xaneiro e marzo, 29 en abril, 21 en maio, 49 en xuño, 40 en xullo, 12 en agosto, 43 en setembro, 57 en outubro e 12 no que vai de novembro. Por servizos, o Centro Príncipe Felipe recibiu a 83 persoas; o servizo de Mobilidade 40; o de Promoción do Emprego e Desenvolvemento Local 27; Cohesión Social e Xuventude 26; o Museo de Pontevedra 23; a Estación Fitopatolóxica de Areeiro 20; Novas Tecnoloxías 18; Secretaría Xeral 16; Cooperación 13; Comunicación Institucional e Patrimonio Documental e Bibliográfico 12; Turismo e Deportes 10; a Finca de Mouriscade 9; o servizo ORAL 8; Recursos Humanos e Formación 7; Intervención 5; Arquitectura 4; Contratación, Medio Rural, Natural e Mariño e Cultura 2 e, por último, Asesoría Xurídica, a Escola de Cantería, Presidencia e Planificación e Igualdade crearon cada unha un posto de emprego.

Atendendo ás modalidades, 200 foron contratos laborais por circunstancias de produción (outros 2 a tempo parcial), 53 funcionarios e funcionarias interinas sen praza por execución de programas, 26 contratos de interinidade por substitución para cubrir baixas de funcionariado (máis 1 a tempo parcial), 26 contratos en prácticas, 15 contratos en formación, 6 postos de funcionariado interino con cargo a vacante, 5 interinos e interinas sen praza por acumulación de tarefas, 4 contratos laborais por obra ou servizo determinado (máis outros 4 a tempo parcial) e 1 contrato por interinidade a tempo parcial de duración determinada.

También te puede interesar